Medio Rural destaca o valor da XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón na promoción da súa calidade diferenciada e da denominación de orixe

A conselleira María José Gómez asistiu ao evento, no que participan nove adegas da zona, e sumouse ademais ao brinde simultáneo en toda España polo Día mundial do viño con denominación de orixe

Pantón (Lugo), 9 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, asistiu hoxe á XXXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón, onde participou ademais no brinde simultáneo en toda España polo Día mundial do viño con denominación de orixe (DO). A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, salientou a importancia deste tipo de eventos na promoción da calidade diferenciada do viño galego en xeral e do da Ribeira Sacra en particular.

Nesta edición da Mostra participan nove adegas da zona, todas elas amparadas pola DO, que presentan os seus viños ao longo da fin de semana. O programa de actos inclúe, ademais das catas e degustacións, o pregón a cargo do enólogo e sumiller Luis L. Paadín, que terá lugar mañá domingo, así como diferentes actuacións musicais.

Este ano, como novidade, Pantón convértese nunha das sedes galegas do brinde nacional do viño con DO. Esta iniciativa está promovida pola Conferencia Española de Consellos Reguladores Vitivinícolas (Cecrv) e celébrase o segundo sábado de maio cun brinde colectivo á mesma hora en diferentes rexións vitivinícolas. O seu obxectivo é poñer en valor o viño de calidade, as denominacións de orixe e o territorio. Trátase, así mesmo, de promover a cultura do viño, a economía e o consumo responsable, así como de achegar o produto á cidadanía en xeral e, especificamente, ao público máis novo.

Cómpre destacar, neste contexto, a importancia da DO Ribeira Sacra, que en 2025 rexistrou unha produción de viño cualificado que superou os 3,5 millóns de litros, cun valor económico estimado de preto de 21 millóns de euros. Esta denominación de orixe conta cunha superficie inscrita de máis de 1.250 hectáreas, involucrando preto de 1.900 viticultores e 93 industrias.

Data de actualización: 09/05/2026