Diego Calvo visitará esta semana proxectos financiados pola cooperación galega no Perú e a comunidade galega en Bos Aires

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes coñecerá proxectos levados a cabo no Perú, que é país prioritario para Cooperación Galega, e onde o Goberno galego leva investidos 3,6M€ no marco do último Plan Director da Cooperación Galega

En Arxentina, o conselleiro participará na celebración do Día das Letras Galegas coa comunidade galega

Santiago de Compostela, 11 de maio de 2026

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitará O Perú esta semana xunto co director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e a subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Mª Eugenia Paz, co obxectivo de visitar os proxectos que a Xunta, a través dos fondos de cooperación para o desenvolvemento, financia neste país.  

Os obxectivos principais da viaxe, ademais de coñecer de primeira man os proxectos financiados pola Xunta na actualidade, pasan tamén por reunirse coas organizacións que lideran estes proxectos e coas autoridades locais que os apoian, así como escoitar as apreciacións das persoas destinatarias dos mesmos.

O Perú é considerado un país estratéxico para a Cooperación Galega polo seu vínculo histórico e pola tradicional presenza e traballo desenvolvido por numerosos axentes galegos de cooperación neste país.

O seu carácter prioritario aparece recollido nos Plans Directores da Xunta que rexen a política pública de cooperación para o desenvolvemento. Así, no marco do V Plan Director 2023-2026, actualmente vixente, o investimento da Xunta no país supera os 3,6 millóns de euros.

Por outra parte, a partir do venres, 15 de maio, o conselleiro viaxará a Bos Aires co obxectivo de visitar a comunidade galega na capital arxentina e participar en varias celebracións con motivo do Día das Letras Galegas.

Data de actualización: 11/05/2026