Martina Aneiros destaca a importancia do proxecto Xenoma Galicia e anima a todos os convocados a participar

Os participantes do proxecto son persoas de entre 35 e 70 anos que foron invitadas a través de mensaxes SMS enviados aleatoriamente

As extraccións de sangue no marco deste programa na área sanitaria de Ferrol realizaranse no Hospital Arquitecto Marcide ata o 26 de maio

A iniciativa busca identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto

Ferrol, 11 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta tarde, tras ser convocada de forma aleatoria, na toma de mostras de sangue do proxecto Xenoma Galicia, que comezou hoxe as extraccións na área sanitaria.

Aneiros animou a todas persoas de entre 35 e 70 anos que recibiron a mensaxe SMS de invitación a participar no proxecto reservando cita a través da app Sergas Móbil. O obxectivo é acadar os 347 participantes na área sanitaria ferrolá.

A representante da Xunta, que estivo acompañada pola directora do proxecto, María Brión, a subdirectora xeral de estilos de vida saudables, Sagrario Pérez,  a xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, e a directora de Enfermaría da área, Isabel Turnes, destacou a importancia de programas coma este, “cos que o Goberno galego avanza na detección de factores de risco para a saúde, mellorando o control e o tratamento de posibles doenzas”.

As extraccións de sangue realizaranse no Hospital Arquitecto Marcide de luns a xoves en horario de tarde, entre as 15:30 e as 18:30 horas, ata o 26 de maio. O persoal sanitario informará de todo o proceso aos participantes, que non deberán acudir en xaxún.

Detección precoz e medicina personalizada

Coas mostras recollidas no marco do proxecto Xenoma búscase identificar variantes de xenes relacionados con cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia familiar, ademais de nutrir o biobanco do proxecto.

A primeira e a segunda fase piloto do proxecto permitiron detectar 27 persoas portadoras de variantes xenéticas de alto risco. En consulta, dependendo da variante detectada, infórmase das opcións de seguimento personalizado, de se deben facerlle probas a algún familiar e de hábitos de vida saudable que se poden seguir para diminuír o risco en caso de que, finalmente, apareza a patoloxía.

Este proxecto de investigación de medicina personalizada conta cun investimento do Goberno galego de 20 millóns de euros. Márcase como obxectivo recompilar o ADN de 400.000 persoas.

Por iso, pola porcentaxe de poboación incluída, Xenoma Galicia é un dos proxectos de maior envergadura do mundo. Permitirá predicir o risco de enfermidades antes de apareceren para poder anticiparse a elas e ofrecer tratamentos farmacolóxicos individualizados.

Isto porá a Galicia na primeira liña da investigación biomédica, ademais de ser un revulsivo para a industria biotecnolóxica e farmacéutica do país.

O proxecto Xenoma Galicia, coordinado pola Consellería de Sanidade e baixo a dirección dos investigadores da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica María Brión e Ángel Carracedo, contribuirá ao deseño de novos programas de prevención e detección temperá e personalizada. Ademais, establecerá as bases dun cribado xenético sustentable e equitativo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/05/2026