O presidente da Xunta visita o CEIP Agro do Muíño, en Ames, onde se presentou a nova norma que aspira a entrar en vigor en xaneiro de 2027

Rueda sitúa Galicia á vangarda estatal coa nova Lei de educación dixital para “ensinar, protexer e acompañar” a toda a comunidade escolar

Sinala que a comunidade volve ser pioneira ao elaborar unha norma inédita no Estado que regula por primeira vez o dereito á desconexión dixital do alumnado e o uso da intelixencia artificial nas aulas

A lei garante que a IA sexa unha ferramenta de apoio para os docentes á hora de detectar dificultades e a crear exercicios personalizados e nunca un substituto

O texto restrinxe o uso individual de pantallas ata 5º de Primaria e o uso pedagóxico do móbil só se permitirá desde 3º da ESO

Subliña a aposta da Xunta por consolidar os centros educativos como espazos de “convivencia, aprendizaxe e progreso”

Ames (A Coruña), 12 de maio de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a futura Lei de educación dixital de Galicia converterá á comunidade en pioneira a nivel estatal ao contar cun marco legal integral para "ensinar, protexer e acompañar" a toda a comunidade educativa e abordar por primeira vez o conxunto do ensino dixital. Así o asegurou hoxe nunha visita ao CEIP Agro do Muíño, en Ames, onde se presentou o texto, que aspira a entrar en vigor en 2027, e onde o titular do Executivo galego incidiu en que o obxectivo é apostar por un modelo híbrido que compaxine novas tecnoloxías e papel e crear espazos de “convivencia, aprendizaxe e progreso”.

Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou que Galicia volve ser pioneira ao dar resposta aos retos actuais do ensino cunha estratexia clara que busca que o alumnado acade competencias dixitais sen perder capacidades fundamentais como a lectura, a escritura correcta ou a concentración. Nesta liña resaltou “as oportunidades” que ofrecen as novas tecnoloxías ben utilizadas. “A tecnoloxía non merma o talento, poténciao”, sinalou.

Pos iso, o obxectivo da Xunta é establecer un marco legal sobre os dereitos e deberes do conxunto da comunidade educativa (administración, centros, familias e alumnado) e consolidar o modelo galego de ensino híbrido para preservar o uso de recursos físicos e garantir que os estudantes ostenten as competencias dixitais básicas para desenvolverse na sociedade actual dun xeito seguro, crítico e competitivo.

Neste sentido, o presidente explicou que Galicia se sitúa á fronte de España ao regular aspectos como o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra da xornada escolar; a regulación dos exames virtuais no ensino público non universitario; ou o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas aulas, establecendo límites claros.

Sobre este último punto, Alfonso Rueda foi tallante ao asegurar que "a IA nunca vai substituír a un mestre". Pola contra, definiuna como unha aliada que poderá axudar ao profesorado á hora de personalizar o ensino e detectar de xeito precoz posibles dificultades no alumnado.

Uso progresivo e protección do menor

A nova norma establece tamén a necesaria adecuación da tecnoloxía ao grao de madurez do estudante e á etapa educativa. Así, en Educación Infantil e nos primeiros cursos de Primaria o uso será colectivo e compartido, reservando o uso individual de dispositivos para o alumnado a partir de 5º de Primaria.

No que respecta aos dispositivos móbiles, a Lei reforza a prohibición xa vixente e eleva a esixencia para o seu uso pedagóxico, que só se permitirá a partir de 3º da ESO. A nova norma establece tamén a prohibición de gravar as clases por parte do alumnado e as familias, salvo autorización expresa previa, e tamén que a transformación dixital da educación en Galicia será sometida a unha avaliación permanente para seguir introducindo melloras.

Esta lei enmárcase dentro dunha estratexia global que inclúe o proxecto EdugalIA para a xestión intelixente de datos —permitindo, por exemplo, anticiparse ao abandono escolar— e o Plan de benestar dixital, que promove o equilibrio entre o uso da tecnoloxía, a saúde emocional e o desenvolvemento persoal dos estudantes.

Esta transformación dixital se asenta sobre un modelo de éxito baseado na equidade e a excelencia que converte Galicia na única comunidade onde a educación é gratuíta desde a escola infantil ata a universidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/05/2026