A Xunta destaca a relevancia da PAC para o sector primario galego
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria participou hoxe na presentación da conferencia do xornalista César Lumbreras sobre Marco orzamentario, acordos comerciais e PAC 2026
Juan José Cerviño destacou que Galicia é unha comunidade autónoma líder en eidos como o leiteiro e o cárnico, o que fai que os fondos da PAC sexan esenciais para o desenvolvemento sostible do rural, e a consolidación da actividade agrícola e gandeira
En relación co tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur, incidiu na necesidade de que o Goberno central incremente os controis de fronteira e deseñe un Plan específico de control a nivel estatal
Carballo (A Coruña), 12 de maio de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, participou hoxe na presentación da conferencia do xornalista César Lumbreras sobre Marco orzamentario, acordos comerciais e PAC 2026, organizada polo Banco Santander e a Asociación de xóvenes empresarios de Bergantiños. Alí, destacou a importancia que teñen os fondos da Política Agraria Común no sector primario galego.
Seguindo esta liña, sinalou que os fondos da PAC son esenciais para o desenvolvemento sostible do rural, a consolidación da actividade agrícola e gandeira, a rendibilidade económica das explotacións e o mantemento da poboación no medio rural. Neste sentido, Cerviño destacou que no pasado ano financeiro 2025 os pagos dos fondos agrarios superaron os 407 millóns de euros, unha cifra récord.
En relación co tratado comercial entre a Unión Europea e Mercosur, incidiu na necesidade de que o Goberno central incremente os controis de fronteira e deseñe un Plan específico de control a nivel estatal, tal e como se lle trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación en numerosas ocasións. O director xeral avaliou tamén o impacto que este acordo terá en certos subsectores agroalimentarios de Galicia.