O Club Baloncesto Breogán e a Deputación de Lugo amosan o seu apoio ás campañas da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue

A entidade deportiva e a ADOS desenvolven esta semana unha campaña conxunta co propósito de fomentar a doazón de sangue altruísta entre os veciños e veciñas de Lugo

Lugo, 14 de maio de 2026

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), a Deputación de Lugo e o Club Baloncesto Breogán presentaron esta mañá unha campaña especial que terá lugar ao longo da presente xornada, destinada a fomentar o xesto altruísta da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Lugo.

O doutor José María Vázquez Estepa, responsable da sección de Doazón e Xestión de Colectas da ADOS, agradeceu á entidade deportiva o seu constante apoio ao desenvolvemento de iniciativas vencelladas á doazón de sangue e pediulle ao director xeral do club lucense, Salva Arco, que transmita o recoñecemento polo seu compromiso a todos os membros do equipo. Tamén agradeceu a colaboración brindada polo departamento de Deportes da Deputación de Lugo, dirixido por Efrén Castro.

Desde a ADOS, salientouse a importancia do desenvolvemento conxunto de iniciativas con colectivos e institucións procedentes de todos os ámbitos da sociedade galega, moi especialmente, coas entidades deportivas, unindo a mensaxe de solidariedade e altruísmo, que supón a doazón de sangue, cos valores do deporte.

Agasallando a solidariedade

No transcurso da campaña de doazón que terá lugar hoxe xoves, 14 de maio, unha unidade móbil de ADOS estará estacionada na Praza Maior das 09:30 ás 14:30 e das 15:30 ás 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexan doar sangue. Todas elas entrarán no sorteo dunha camiseta asinada polos xogadores do Club Baloncesto Breogán, como agasallo pola súa participación.

Durante as xornadas previas a esta campaña especial de doazón, tanto a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, como o equipo lucense, están a informar nas súas redes sociais da importancia que teñen as doazóns de sangue para posibilitar o intenso labor asistencial dos nosos centros sanitarios.

Ademais, tanto a ADOS como o Club Baloncesto Breogán queren convidar a todos os veciños e veciñas de Lugo a doar sangue na presente xornada.

Datos de participación

José María Vázquez salientou o carácter solidario dos veciños e veciñas de Lugo que, no ano 2025, realizaron 3.342 doazóns de sangue, cifra que representa unha taxa de 33 doazóns por cada mil habitantes e ano, índice que se atopa por baixo da media galega polo que a Axencia agarda que iniciativas como esta campaña en colaboración co CB Breogán, contribúan a achegar a Lugo ata o índice autonómico.

ADOS quere agradecer a todos os membros do Club Baloncesto Breogán (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras...) e á Deputación lucense, a súa especial sensibilidade co solidario xesto da doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para fomentar a participación na cidade de Lugo que xa conta cunha longa traxectoria de colaboración promovendo iniciativas conxuntas.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto: 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2026