Un total de 596 centros de toda Galicia participarán o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal

A Consellería de Educación incorpora á iniciativa, a petición dos propios centros, dous colexios e saen dela, voluntariamente, outros tres

A Xunta está a reforzar este modelo mixto coa recente licitación de recursos educativos impresos e material didáctico en formato físico para enriquecelo

Desde este curso, as familias poden acceder tamén ao fondo de libros de texto ou á dedución fiscal, de xeito que os alumnos conten con manuais dixitais e en papel

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2026

Un total de 596 centros de Primaria e Secundaria de toda Galicia van participar o vindeiro curso no programa de ensino híbrido E-Dixgal. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP incorpora á iniciativa, a petición dos centros, dous colexios e deciden saír outros tres, de xeito voluntario.

En concreto, os centros de nova incorporación son os colexios CEIP de Castrelo de Miño (Castrelo de Miño, Ourense) e o CEIP de Valeixe (A Caniza, Pontevedra). No que atinxe ás renuncias, son as do CEIP de Zalaeta (A Coruña), CEIP Península da Paz (Cervo) e a do Instituto Martaguisela (O Barco de Valdeorras).

Ademais, o Centro Público Integrado Uxío Novoneira (Pedrafita do Cebreiro) decide deixar de empregar o programa en Primaria, manténdoo en Secundaria. Por outra banda, o CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas) solicitou a saída, pero aínda está dentro do período de permanencia, polo que unha comisión analizará a viabilidade da petición.

A entrada e saída ao proxecto E-Dixgal é voluntaria por parte dos centros con varios requisitos, entre eles o apoio previo do Claustro do profesorado e do Consello Escolar, onde están representadas as familias. Ademais, deben ter rematada a súa permanencia.

Amplo proceso de mellora

Cómpre lembrar que a Xunta está a mellorar o proxecto E-Dixgal co obxectivo de reforzar o seu carácter híbrido. De feito, a Consellería ten en licitación nestes momentos un contrato por un importe de máis de 1,1 M€ para dotar aos centros participantes de recursos educativos impresos e material didáctico en formato físico a partir do vindeiro curso. Trátase de contidos deseñados por empresas editoriais en soporte papel que abranguen fichas didácticas, fichas de repaso e ampliación e fichas empíricas de actividades prácticas, todas adaptadas aos distintos niveis e ás áreas do currículo.

Estes materiais irán acompañados de formación específica para o profesorado sobre o uso pedagóxico do modelo híbrido, a integración equilibrada de recursos dixitais e analóxicos, a aplicación de metodoloxías activas e competenciais por parte dos docentes e o uso do material manipulativo e recursos didácticos, así como de información ás familias a través de xornadas e talleres sobre orientación no uso responsable da tecnoloxía, acompañamento no proceso educativo do alumnado e comprensión do papel dos libros de texto e dos recursos dixitais.

Libros en papel

Como complemento a estas medidas, desde este curso as familias con fillos no programa E-Dixgal poden acceder tamén ao fondo solidario de libros de texto, de tal forma que o alumnado conte con manuais dixitais e en papel. Isto opera para os fogares con rendas iguais ou inferiores a 10.000€ per cápita. No caso de que superen estes umbrais de renda, as familias poden beneficiaranse da nova dedución fiscal de ata 105€ por fillo, para rendas per cápita superiores aos 10.000€ e ata 30.000€.

A incorporación de libros en papel é, en todo caso, unha decisión voluntaria por parte de cada centro, podendo establecer ata tres manuais en Primaria e dous en Secundaria con cargo ao fondo solidario.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2026