A montaxe de dúas novas pasarelas nas obras da senda Milladoiro–Intermodal fará necesario cortar o tráfico mañá martes no enlace da AG-56 coa SC-20 e a AP-9 en sentido Santiago
Trátase de levar a cabo a montaxe dos dous vanos no punto quilométrico 1+500 da nova senda, dando continuidade á instalación realizada en marzo da primeira pasarela no treito do itinerario situado no punto 1+390
As tres pasarelas son idénticas e están realizadas con madeira de pino silvestre, e cada unha delas mide 32 metros de lonxitude e pesa 22 toneladas
As pasarelas veñen xa montadas e ízanse con dúas grúas polo que o obxectivo é deixalas colocadas nun só día, polo que a previsión inicial e que a afección ao tráfico se limite á xornada deste martes, en horario diúrno, entre as 9.00 e as 20.00 horas
Durante o tempo que duren estas restricións habilitaranse itinerarios alternativos para facilitar a mobilidade do tráfico
Santiago de Compostela, 18 de maio de 2026
Os traballos en execución avance nas obras da senda peonil e ciclista Milladoiro–Intermodal fará necesario realizar un corte puntual de tráfico mañá martes, día 19 de maio, no enlace que conecta a autovía AG-56 coa SC-20 e coa AP-9 en sentido Santiago.
Trátase de levar a cabo a colocación de dúas pasarelas, no punto quilométrico 1+500 da nova senda, dando continuidade á instalación levada a cabo o pasado mes de marzo da primeira pasarela neste treito, nese caso á altura do punto quilométrico 1+390.
As tres pasarelas, realizadas en madeira de pino silvestre con tratamento de protección, son idénticas. En concreto estas infraestruturas contan cunha lonxitude de 32 metros cada unha, teñen un ancho total de 4,6 metros e un ancho de paso útil de 4 metros e teñen un peso de 22 toneladas.
Esta restrición da circulación, ao igual que se fixo coa colocación da primeira pasarela, é precisa para acometer a operación de instalación destes dous novos vanos, que require a ocupación da zona e a adopción de medidas especiais de seguridade durante os traballos.
As pasarelas veñen xa montadas e ízanse con dúas grúas para deixalas colocadas nun só día.
A previsión inicial é que esta afección ao tráfico se limite unicamente á xornada do martes, en horario diúrno, entre as 9.00 e as 20.00 horas.
Ao igual que na colocación da cita primeira pasarela; procederase ao corte do mesmo ramal, co obxectivo de minimizar a afección ao tráfico durante a instalación destas dúas novas pasarelas, tras non terse xerado incidencias significativas durante os traballos realizado en marzo.
En concreto, os ramais que permanecerán pechados durante ese período serán os seguintes:
- Ramal 72, saída da AG-56 e incorporación á SC-20 en sentido Santiago (punto quilométrico 72+000 a 72+400).
- Ramal 70, incorporación á AG-56 desde a SC-20 en sentido Santiago (quilómetro 70+000 a 70+400).
- Ramal 71, incorporación á AG-56 desde a SC-20 en sentido Santiago (quilómetro 71+000 a 71+900).
Durante o tempo que duren estas restricións habilitaranse tamén os itinerarios alternativos para facilitar a mobilidade do tráfico.
Así, o tráfico procedente da AG-56 cara a Santiago pola SC-20 deberá incorporarse á SC-20 en sentido Milladoiro polo ramal 73 e realizar o cambio de sentido na glorieta do Milladoiro.
Pola súa banda, o tráfico procedente da SC-20 en sentido Santiago que se incorpora á AG-56 ou á AP-9 deberá continuar pola SC-20 en sentido Santiago ata a glorieta de enlace co Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde poderá efectuar o cambio de sentido para incorporarse posteriormente á AG-56/AP-9 desde a SC-20 sentido Milladoiro polo ramal 74.