Esta mañá, o delegado territorial da Xunta e a alcaldesa, presentaron as distintas actividades desta celebración festiva que se desenvolverá en Bande do 29 ao 31 de maio

Manuel Pardo louva a traxectoria da ‘LV edición da Festa do Peixe de Bande’

O delegado territorial subliñou que se trata de 55 anos espallando a riqueza gastronómica da contorna e dando a coñecer o potencial turístico da zona 

Por segundo ano contarase coa participación do Mercado de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente

Nas semanas previas á festa realízase o primeiro concurso de vídeos curtos ‘Peixiños nas Redes’. Este certame está dirixido a nenos e nenas de educación primaria, ESO e bacharelato

Ourense, 18 de maio de 2026

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e a alcaldesa de Bande, Sandra Quintas, participaron esta mañá na presentación da ‘LV Festa do Peixe de Bande’ que se desenvolverá do 29 ao 31 de maio, xusto 55 días despois da Semana Santa.

O delegado territorial subliñou que se trata de 55 anos espallando a riqueza gastronómica da contorna e dando a coñecer o potencial turístico da zona cun concurso de pesca, e que en 2013 foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia.

O seu nacemento débese á iniciativa dun grupo de amigos que compartiron a súa paixón pola pesca e decidiron organizar un concurso que se repite ano tras ano ata hoxe. As súas raíces resistiron o paso do tempo, e hoxe é unha das máis antigas de Ourense.

A abundancia de peixe nos ríos da zona foi un factor importante que influíu na elección de Bande como sede do campionato de pesca, amparado pola Federación Galega, dada a presenza de especies tradicionais como a boga e o escalo.

Nesta festa sempre hai comida variada e diversos postos onde probar as deliciosas opcións tradicionais. O máis popular é a degustación de empanadas, pan artesanal dos fornos de Bande e o prato forte que é o peixe. Ademais, durante os días do certame, hai moitas outras actividades dispoñibles ademais de música e festa.

Nas semanas previas á festa realízase o primeiro concurso de vídeos curtos ‘Peixiños nas Redes’. Este certame está dirixido a nenos e nenas de educación primaria, ESO  e bacharelato da comarca da Baixa Limia. Os traballos realizados xiran en torno á Festa do Peixe (Bande), a visión dos rapaces e rapazas acerca desta festa , da natureza, dos ríos e do coidado do medio ambiente.

Un programa de actividades amplo e variado no que destaca o campionato de pesca que se celebra o sábado a partir das 8h. en augas do río Limia, na zona acoutada de Ponte Liñares.

Por segundo ano contarase coa participación do Mercado de Artesanía Alimentaria, que amosará a elaboración, manipulación e transformación de produtos alimentarios de xeito respectuoso co medio ambiente, garantindo un produto final individualizado, seguro dende o punto de vista hixiénico-sanitario, de calidade e con características diferenciais, obtido grazas ás pequenas producións controladas pola intervención persoal da artesá ou artesán.

Novidades desta edición

Como novidades deste ano destacan as actuacións da Disco Móvil A Gramola e do grupo musical venezolano Los Coleguitas dirixidas a xuventude. Así mesmo, durante todos os días da festa a veciñanza poderá degustar diferentes pinchos na praza da Constitución, convertendo a gastronomía local nun dos grandes atractivos desta tradicional festividade do concello de Bande. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/05/2026