Medio Rural publicará este xoves a convocatoria da nova liña de achegas para a compra de equipamentos eficientes e agricultura de precisión, dotada con 8,6 M€
A conselleira María José Gómez visitou hoxe as instalacións de Maxideza en Lugo para poñer en valor estas axudas coas que se busca apoiar aos gandeiros e agricultores galegos diante do aumento dos custes de produción pola guerra en Oriente Medio
Sinalou que a través desta partida procúrase favorecer a modernización nas explotacións, ao tempo que se fomenta a eficiencia enerxética
O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles, e poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante
Esta convocatoria enmárcase dentro do paquete de medidas que está a impulsar a Xunta para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados por esta crise, e que conta con 19,4 millóns de euros para o sector primario
Lugo, 19 de maio de 2026
A Consellería do Medio Rural publicará este xoves, 21 de maio, a convocatoria para a compra de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada cun orzamento de 8,6 millóns de euros, co obxectivo de apoiar aos gandeiros e agricultores galegos diante do aumento dos custes de produción pola guerra en Oriente Medio. Así o trasladou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, nunha visita ás instalacións de Maxideza en Lugo, na que estivo acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros.
Explicou que a través desta partida orzamentaria procúrase favorecer a modernización dos equipos das explotacións, fomentando nelas o uso de tecnoloxías que permitan unha utilización máis eficiente dos recursos naturais nos procesos produtivos. Neste sentido, destacou as novas instalacións que Maxideza abriu en Lugo, situándoa como un dos concesionarios de maquinaria agrícola máis importantes de Galicia, o cal conta con presenza en varias provincias.
A maiores, afirmou que estas achegas promoven a incorporación de equipamento máis eficiente, como os robots, os carros mesturadores que analizan os compoñentes das racións de comida ou as máquinas de aplicación eficiente de fertilizantes e fitosanitarios. Tamén se impulsa a adquisición de equipamentos para agricultura de precisión.
A conselleira explicou que poden beneficiarse desta liña de apoio os titulares de explotacións, pero tamén por aquelas persoas que se establezan por primeira vez no agro e conten cun plan empresarial que inclúa actuacións ambientais, poñendo o foco no impulso da remuda xeracional no sector.
O importe da axuda será, como mínimo, do 40 % dos custos elixibles. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 75 % en función dos requisitos que cumpra a persoa solicitante, como poden ser o caso dos investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica, en zonas con limitacións naturais ou se se trata dunha persoa moza recentemente incorporada, entre outros. Neste sentido, o investimento mínimo elixible será de 12.500 euros, mentres que o máximo ascende a 100.000 euros.
Apoio ao sector primario pola crise en Oriente Medio
Gómez lembrou que esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do paquete de medidas que se está a impulsar por parte do Goberno autonómico para axudar aos sectores que se están a ver máis afectados pola guerra en Oriente Medio.
Esta iniciativa contempla un total de 19,4 millóns de euros para o sector primario, entre os que se atopan estas axudas e tamén 10,8 millóns de euros para a estratexia de promoción agroalimentaria, a través da cal se levarán a cabo iniciativas orientadas ao fortalecemento das cadeas curtas de comercialización, á valorización do produto local e á rastrexabilidade e á diferenciación dos produtos agroalimentarios galegos nos mercados.