María José Gómez pon en valor o pastoreo en extensivo pola súa contribución á xestión do territorio

A conselleira do Medio Rural visitou as instalacións de Gandaría Castelos, en Carral, unha das explotación ovinas máis grandes de Galicia

Destacou o papel do Plan de Pastos, co que se mobilizaron case 2.500 hectáreas desde 2020, e a posta en marcha da Escola de pastores de Galicia como dúas iniciativas que buscan impulsar este tipo de actividade

Lembrou tamén a aposta pola remuda xeracional con axudas á incorporación de mozos que este ano contas cunha dotación de 53 millóns de euros para o seu financiamento e para os plans de mellora asociados

Carral (A Coruña), 19 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe as instalacións da explotación ovina Gandaría Castelos, situada en Carral, a cal é unha das máis grandes de Galicia cun censo de entre 800 e 900 animais. Nela, puxo en valor o pastoreo en extensivo pola súa contribución á xestión do territorio e do gando.

Neste sentido, salientou que desde a Consellería do Medio Rural apóstase por este tipo de actividade polas súas vantaxes, xa que é sustentable tanto desde o punto de vista económico como social e ambiental; axuda a fixar poboación no rural; mellora a competitividade das explotacións, co aproveitamento da súa base territorial e unha menor dependencia de insumos externos para a alimentación do gando; e favorece a adecuada xestión do territorio, o que incide tamén na prevención fronte aos incendios forestais.

Para impulsar o pastoreo, a conselleira destacou dúas iniciativas encamiñadas para este fin, que son o Plan de Pastos e a Escola de pastores de Galicia. En canto á primeira, detallou que desde o 2020 xa se mobilizaron case 2.500 hectáreas no desenvolvemento de máis dun cento de pasteiros, cun investimento de arredor de 15 millóns de euros. Por iso, asegurou que se seguirá traballando nesta liña e este ano está previsto executar novos pasteiros nas catro provincias, entre os que se atopan os xa anunciados en Viveiro e Xunqueira de Espadanedo.

Sobre a Escola de pastores, lembrou que é unha iniciativa de formación posta en marcha este mesmo ano en colaboración coa Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), xunto coa Fundación La Caixa e o Inorde. A conselleira destacou que na primeira edición cubríronse as 25 prazas ofertadas, de entre as máis de 40 persoas que se inscribiron. O seu principal obxectivo é dar resposta á demanda de persoas que ven no sector agrogandeiro unha oportunidade real de futuro e, ademais, afrontar o reto da remuda xeracional no sector primario e impulsar a protección do territorio.

Incorporación de mozos ao agro

A conselleira engadiu que Alejandro Castelos, neto do fundador desta explotación, é un dos mozos que solicitaron este ano unha axuda para a incorporación ao agro, liña que se inclúe dentro do Plan de remuda xeracional impulsado desde o seu departamento. Neste senso, neste 2026 mobilizáronse 53 millóns de euros para estas achegas e para os plans de mellora asociados, a maior dotación desde 2018.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026