A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou esta tarde o convenio co alcalde, Horacio Gil
O concello de Arbo únese ao programa da Xunta para mobilizar solos de titularidade municipal para a construción de vivenda protexida
A Xunta pon a disposición do Concello esta ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela de 258 metros cuadrados
O obxectivo da iniciativa é axilizar a construción de vivenda protexida en solos de titularidade municipal, tanto en réxime de venda como en alugueiro
Este convenio súmase a outros xa rubricados cos concellos das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino; e hoxe mesmo tamén co da Merca
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos
Santiago de Compostela, 20 de maio de 2026
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinou esta tarde co alcalde de Arbo, Horacio Gil, o convenio enmarcado no Programa de oferta de solo de titularidade das entidades locais para a construción de vivenda protexida neste municipio. Neste acto, tamén estiveron o secretario xeral técnico da Consellería, Yago Borrajo, e o director territorial da Consellería en Pontevedra, José Manuel González.
A través deste convenio, a Xunta pon a disposición do Concello de Arbo esta nova ferramenta que lle outorga apoio técnico para ofertar, mediante concurso público, unha parcela de 258 m², situada na rúa Estación 21, para a construción de vivenda protexida.
A Xunta, a través do instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), sacará a concurso público en réxime de libre concorrencia esta parcela de titularidade municipal para a construción de fogares protexidos que poderían ser tanto en réxime de alugueiro como de venda. Ademais, deste xeito, facilitarase a información aos promotores, cooperativas e á cidadanía, en xeral, sobre os solos dispoñibles.
O IGVS tamén se encargará da publicación do solo dispoñible, a redacción dos pregos de bases, os anuncios de licitación, a mesa de contratación e a valoración técnica das ofertas, de maneira que os concellos unicamente terán que remitir a información sobre as parcelas a adxudicar e ditar a resolución de adxudicación, ademais de participar na mesa de contratación.
O Goberno galego segue sumando colaboración con máis concellos, tras os rubricados cos municipios das Pontes, A Arnoia, Friol, Valdoviño, O Valadouro, Ordes, A Peroxa, O Pino, Verín, Santa Comba e, hoxe mesmo tamén, co concello da Merca.
Este novo programa está a suscitar o interese de máis administracións locais, coas que a Xunta xa se están a manter contactos, e a conselleira recordou que o prazo par adherirse a este programa permanecerá aberto indefinidamente.