A conselleira do Medio Rural participou na presentación do proxecto Greenlow Pecuaria sobre innovación e sostibilidade da gandaría de Galicia e o Norte de Portugal

María José Gómez aposta pola investigación adaptada á realidade do agro galego para afianzar a modernidade e transformación do sector gandeiro

Destacou que esta iniciativa, na que participan varias entidades e institucións como a propia Xunta, permitirá desenvolver novos modelos para medir, dun xeito máis preciso e vinculado a esta área transfronteiriza, as emisións de gases de efecto invernadoiro 

Isto permitirá dispoñer de ferramentas máis fiables, máis útiles e adaptadas ás características das explotacións destas zonas

Salientou que o proxecto representa o camiño desexable para o rural galego: máis innovación, coñecemento, cooperación e sustentabilidade, e agradeceu o traballo e compromiso de todas as entidades participantes

Lugo, 21 de maio de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, afirmou hoxe que a investigación no ámbito agrogandeiro debe adaptarse á realidade do campo galego co fin de reforzar o seu camiño de modernidade e transformación, un obxectivo que se persegue co proxecto Greenlow Pecuaria sobre innovación e sostibilidade da gandaría de Galicia e o Norte de Portugal. O acto de presentación desta iniciativa transfronteiriza, financiada polo programa europeo Interreg POCTEP, tivo lugar na sede do Ibader en Lugo, e nel participaron tamén a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e a investigadora principal do proxecto, Cristina Castillo. Á xornada tamén asistiron o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias.

O obxectivo deste proxecto é impulsar a transición verde do sector gandeiro na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal mediante o desenvolvemento de modelos de medición de gases de efecto invernadoiro más precisos e adaptados á realidade e características deste territorio. Tamén se busca a aplicación de solucións biotecnolóxicas innovadoras e a transferencia de coñecemento ao sector e ás administracións públicas, aliñando así aos responsables da investigación coas necesidades do propio sector.

Solucións prácticas ás explotacións 

Na súa intervención, Gómez explicou que esta iniciativa permitirá así dispoñer de ferramentas máis fiables, máis útiles e adaptadas ás características das gandarías desta zona xeográfica. Sinalou ademais que o proxecto “vai moito máis alá da investigación”, xa que busca trasladar solucións prácticas ás explotacións para mellorar a eficiencia produtiva, avanzar na dixitalización e reducir a pegada ambiental, ao mesmo tempo que se segue impulsando a rendibilidade das granxas.

Nesta medida, a conselleira subliñou que todo isto reforza tamén un valor fundamental para Galicia, como é calidade, xa que -engadiu- “cando falamos de innovación agrogandeira, sustentabilidade e excelencia, tamén falamos de Galicia Calidade” e dun sector agroalimentario que é referente polo compromiso dos seus profesionais e polo alto nivel dos seus produtos.

Máis innovación, coñecemento, cooperación e sustentabilidade

Na mesma liña, Gómez salientou que este proxecto transfronteirizo “representa perfectamente o camiño que queremos para o rural galego: máis innovación, coñecemento, cooperación e sustentabilidade” e agradeceu o traballo e compromiso de todas as entidades participantes.

A conselleira valorou a participación activa da Xunta na iniciativa e puxo en valor que os centros adscritos á Consellería do Medio Rural, como é o caso do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), xa levan anos traballando en ámbitos clave como a nutrición animal, a eficiencia produtiva, a sustentabilidade ambiental ou a redución das emisións no sector primario, entre outras cuestións.

Neste sentido, Gómez trasladou que este proxecto “nace nun momento decisivo”, cando o sector gandeiro se enfronta a importantes retos derivados do cambio climático e das novas esixencias ambientais, pero tamén conta cun enorme potencial para liderar a transformación cara a modelos produtivos máis sustentables.

O proxecto Greenlow Pecuaria

Greenlow Pecuaria combina investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación transfronteiriza para xerar solucións reais na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. O proxecto enmárcase no Programa Interreg POCTEP, cun orzamento de 796.186,86 € ata 2028, cofinanciado polo FEDER.

O beneficiario principal é a Universidade de Santiago de Compostela a través do Ibader, e tamén participan, como socios, a propia Consellería do Medio Rural (a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), a Associação para o Apoio à Bovinicultura Leiteira do Norte (ABLN) e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/05/2026