A Xunta destaca o labor do lar gallego de Sevilla na divulgación da tradición e da música popular galega

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitou a sede do Lar Gallego de Sevilla e posteriormente asistirá ao concerto Xacobeo 27, un camiño pola cultura galega con motivo do 25 aniversario do grupo de gaitas deste centro

Sevilla, 23 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, felicitou hoxe ao Lar Gallego de Sevilla polo seu labor na divulgación das tradicións galegas en Andalucía, unha das comunidades con maior presenza galega de España con máis de 20.700 residentes galegos.

Fíxoo no marco dunha visita á sede desta entidade, onde se reuniu coa súa directiva no marco da conmemoración do 25 aniversario do grupo de gaitas do Lar Gallego de Sevilla, que se celebrará esta tarde no Teatro Cajasol a partir das 20,00 h co concerto Xacobeo 27, un camiño pola cultura galega. Nel actuarán, ademais do grupo de música tradicional do Lar Gallego de Sevilla, a cantante galega Lucía Pérez e a pianista, cantante e compositora sevillana Laura de los Ángeles.

Neste encontro previo ao concerto —ao que tamén asistirá o conselleiro— puxo en valor o papel dos centros galegos como embaixadores da identidade, da lingua e da cultura de Galicia e espazos fundamentais de convivencia e unión entre xeracións. Neste sentido, José González reafirmou o apoio do Goberno galego a estas entidades.

No caso concreto do Lar Gallego de Sevilla, subliñou a súa traxectoria, de case 70 anos, e a variada programación cultural galega que desenvolve reflectida en iniciativas como a revista Anduriña, publicación periódica que recolle información de interese para a emigración galega.

Data de actualización: 23/05/2026