A Xunta destaca o pulo do sector lácteo galego en produción e transformación na nosa comunidade

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou en San Sadurniño a granxa A Esperanza, pertencente á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, propietaria da marca Bico de Xeado

San Sadurniño (A Coruña), 22 de maio de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, destacou hoxe a puxanza do sector lácteo galego e a importancia que ten a transformación do leite na nosa comunidade na sustentabilidade deste eido produtivo estratéxico do noso agro.

Foi na súa visita á granxa A Esperanza, pertencente á Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, propietaria da marca Bico de Xeado, onde puxo en valor o liderado de Galicia no ámbito nacional, producindo o 42 % do leite de España, e o feito de que hoxe en día xa se transforme na nosa comunidade o 75 % do produto.

Así mesmo, o director xeral salientou a aposta do sector pola innovación e pola tecnoloxía como ferramentas para mellorar a súa rendibilidade, así como o apoio da Xunta a esta liña de traballo, que se manifesta con iniciativas como as axudas publicadas onte mesmo para a adquisición de equipamentos eficientes e de agricultura de precisión, dotada con 8,6 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/05/2026