Os labores de restauración tras os incendios en Cualedro suporán un investimento de algo máis de 200.000 €
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, reuniuse con responsables de comunidades de montes veciñais en man común deste concello ourensán para explicarlles as actuacións previstas
Cualedro (Ourense), 22 maio de 2026
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, Luisa Piñeiro, acompañada polo alcalde de Cualedro, Luciano Rivero, reuniuse hoxe con representantes das comunidades de montes veciñais en man común deste concello nas que se van levar a cabo actuacións de restauración tralos incendios do pasado verán.
Os labores neste concello ourensán, que suporán un desembolso de algo máis de 200.000 euros, consistirán na mellora das infraestruturas viarias e da rede de drenaxe, a eliminación de madeira queimada e a restauración hidrolóxica e de hábitats de fauna.
Está previsto actuar nos montes veciñais en man común da Xironda, Pedrosa, Carzoá, Saceda, Lucenza, Rebordondo e Serra de Larouco, Serra de Sandín e Lamas. Neste municipio xa se teñen executado traballos de trituración de madeira queimada, concretamente en 31,7 hectáreas no monte común de Carzoá e noutras 13,2 hectáreas do de Cualedro. As actuacións de recuperación tras incendios nesta zona do sur da provincia ourensá abranguerán tamén intervencións nos concellos de Xinzo de Limia, Baltar, Verín e Oímbra, ademais das previstas en Cualedro.
Outros labores de recuperación
Ademais, neste contexto cómpre lembrar outros labores realizados pola Xunta para a recuperación de terreos queimados, como son os de consolidación de solos e redución da escorrentía superficial coa técnica do acolchado con palla (mulching) en áreas prioritarias identificadas polo CSIC en Ourense e Lugo. Do mesmo xeito, acondicionáronse pistas forestais, fíxose limpeza de cunetas e instaláronse albarradas, entre outras actuacións. A isto destináronse case 1,6 millóns de euros.
A maiores, desenvolveuse un plan de alleamento de madeira comercial en máis de 6.200 hectáreas, cun volume global superior aos 930.000 m³ de madeira, e acadou un prezo de adxudicación de case 13,5 millóns de euros. Este alleamento contribuíu á recuperación de valor dunha madeira que, de non ser mobilizada con celeridade, podería sufrir unha depreciación progresiva por efectos de pragas, fungos ou deterioración estrutural. Ademais, a posta no mercado deste volume favoreceu a actividade das empresas de aproveitamento forestal e da industria transformadora, dinamizando a economía local nun contexto de especial dificultade tras os incendios.