A conselleira pronunciou unha conferencia sobre o futuro do agro no Círculo Saviñao
María José Gómez sitúa como retos clave para o rural galego a calidade, a remuda xeracional e o coidado do territorio
Para acadar estes obxectivos, puxo en valor a produción agroalimentaria galega en xeral e a da Ribeira Sacra en particular, con referencias aos sectores lácteo, cárnico, vitivinícola ou do mel, así como a riqueza do monte galego
No terreo internacional, reclamou unha futura PAC con recursos suficientes e adaptada á realidade galega e insistiu na necesidade de reforzar os controis e activar as cláusulas de salvagarda en caso necesario ante o acordo co Mercosur
O Saviñao (Lugo), 22 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na conferencia Entre a tradición e a innovación. Retos de mercado, organizada polo Círculo Saviñao e que tivo lugar neste concello lucense. Nela, situou como algúns dos retos clave para o rural galego a calidade, a remuda xeracional e o coidado do territorio.
Concretamente detallou que en primeiro lugar está conseguir que o rural siga sendo rendible, porque sen actividade económica non hai territorio vivo; o segundo reto sería o de producir mellor incrementando os estándares de calidade; como terceiro punto estaría a modernización sen perder a identidade; o cuarto ten que ver coa remuda xeracional; en quinto lugar, ser competitivos e, por último, coidar o territorio.
Desde esta perspectiva, a conselleira puxo en valor a produción agroalimentaria galega en xeral e a da Ribeira Sacra en particular como factores para acadar estes obxectivos. Así, salientou o viño como “unha das grandes bases económicas” da zona, que compite por calidade, identidade e valor engadido. Todo, no contexto dunha paisaxe “única no mundo” e por iso, remarcou, resulta “tan importante a candidatura a Patrimonio da Humanidade”.
Gómez referiuse tamén á condición de Galicia de potencia leiteira e cárnica, destacando os progresos en transformación ou o papel das razas autóctonas, así como aos avances rexistrados noutros eidos, como a produción de mel, de aceite ou o cultivo do castiñeiro. Vinculou ademais este proceso cos esforzos da Xunta por mobilizar terra, a través de ferramentas como o Banco de Terras ou as parcelarias, para que as explotacións gañen tamaño, eficiencia e capacidade para competir. Ao tempo, a conselleira reivindicou a puxanza do sector forestal galego e reiterou a aposta da Xunta pola silvicultura produtiva e pola xestión sostible do monte como pancas de impulso para este eido.
Futura PAC con recursos suficientes e adaptada a Galicia
No contexto internacional, Gómez referiuse tamén a dous retos que o agro galego ten “enriba da mesa”. En primeiro lugar, a competencia exterior derivada de acordos como Mercosur, un ámbito no que volveu insistir insistiu na necesidade de reforzar os controis e activar as cláusulas de salvagarda en caso necesario. En segundo termo, a futura PAC a partir de 2027, que Galicia quere que estea dotada con recursos suficientes, baseada nunha arquitectura con fondos diferenciados que garanta as axudas directas e os fondos para o desenvolvemento rural, e adaptada á realidade galega.
En relación co reto que supón a remuda xeracional, a conselleira recordou que nos últimos anos máis de 5.000 mozas e mozos se incorporaron ao agro con axudas xestionadas pola Xunta, e puxo de relevo o papel que desempeña a formación. Neste sentido, valorou que os centros de formación e experimentación agraria, os CFEA, teñen hoxe taxas de ocupación próximas ao 100 % en moitos casos. Tamén no eido formativo, fixo fincapé no exemplo que representa a Escola de Pastores e a súa importancia no fomento do gando extensivo e, polo tanto, no coidado do territorio.
Outro elemento mencionado pola conselleira e que resulta clave para a fixación da poboación no rural é o da necesaria dotación de servizos. Nesta liña, subliñou que o Plan Leader mobilizou nas últimas tres décadas en Galicia arredor de mil millóns de euros, apoiando máis de 8.000 proxectos e contribuíu á creación e consolidación de miles de empregos.