A Xunta activa unha nova convocatoria de axudas a ONGD para programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria, dotada con 720.000 euros, coa que se pretende potenciar o impacto das accións desenvolvidas por estas entidades no exterior mediante accións complementarias no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo

O Goberno galego financiará ata o 95% do orzamento de actuacións previstas entre 2026 e 2028

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2026

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova liña de axudas para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social a executar por parte de Organizacións Non Gobernamentais de Desenvolvemento (ONGDs), dotada con 720.000 euros. O obxectivo é potenciar o impacto das accións desenvolvidas por estas entidades no exterior mediante accións complementarias no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo.

A iniciativa inclúe dúas liñas de acción. Unha delas céntrase en programas de educación transformadora, que axuden á creación e consolidación dunha cidadanía obxectiva, crítica e comprometida cos valores e políticas de desenvolvemento a través da sensibilización, a formación e a mobilización. As propostas deben incorporar a visión Sur, ser relevantes para a cooperación para o desenvolvemento e que o seu contido estea directamente vinculado con esa área.

A outra liña abrangue os programas de innovación e comunicación social, destinados a darlle visibilidade ás políticas e intervencións de cooperación e acción humanitaria desenvolvidas con anterioridade ou previstas. Deben usar metodoloxías innovadoras e de comunicación social e conectar realidades xerando redes de apoio mutuo, fortalecendo as alianzas entre o norte e o sur global.

A medida diríxese a ONGDs que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e poderán tamén presentarse en agrupación con outras entidades, sempre que estean inscritas neste rexistro. As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica da Xunta (https://sede.xunta.gal) no  prazo dun mes contado dende mañá.

Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses e poderán financiar actuacións desde o 1 de xaneiro de 2026 ao 31 de decembro de 2028. Así, a dotación orzamentaria distribúese en 180.000, 270.000 e 270.000 euros para cada un destes exercicios. Con estas contías, a Xunta poderá financiar ata un 95% do orzamento do programa, ata un máximo de 90.000 euros no caso de programas de educación transformadora e de 110.000 no de programas de innovación e comunicación social.

Plan da Cooperación Galega

A iniciativa enmárcase no cumprimento do vixente V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, que establece a promoción de programas no exterior e de educación para a cidadanía global destinados a mellorar o alcance das actuacións financiadas e a aumentar a duración e a  media de financiamento das intervencións. Neste marco de acción, cómpre lembrar que o Plan anual 2026 da cooperación galega para o desenvolvemento conta neste exercicio cunha dotación de 10,3 millóns de euros, un 5% máis que o ano pasado.

 

Data de actualización: 25/05/2026