O delegado da Xunta en Lugo participa na presentación do Campionato Galego de Piragüismo de Base que terá lugar o sábado no Incio
Javier Arias destacou o potencial do encoro de Vilasouto para consolidarse como referente dos deportes acuáticos na provincia
O Incio (Lugo), 25 de maio de 2026
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, participou esta tarde na presentación do ‘Campionato Galego Individual - Xunta de Galicia’, que se celebrará o sábado 30 de maio no encoro de Vilasouto, no concello do Incio. No acto estiveron tamén o vicepresidente da Federación Galega de Piragüismo, Martín Carballo, e o alcalde do Incio, Héctor Corujo, entre outros.
Javier Arias explicou que se trata dunha competición de prebenxamíns, benxamíns e alevíns de K1 1.500 metros, incluída no calendario oficial da Federación Galega de Piragüismo. A proba comezará ás 11,00 horas e contará coa participación de 322 deportistas de 31 clubs de toda a comunidade.
O delegado territorial incidiu na importancia de promover o deporte base e destacou a capacidade do encoro de Vilasouto para acoller actividades coma esta, “nun enclave que ofrece unhas condicións excepcionais para a práctica do piragüismo e doutros deportes acuáticos”. Destacou ademais o impacto positivo que este tipo de eventos teñen para o territorio, “tanto desde o punto de vista deportivo como no tocante á promoción e dinamización económica da contorna, polo alto número de deportistas e acompañantes que atraen”.
A regata presentada hoxe dá continuidade ás competicións celebradas o pasado verán no Incio, que acolleu probas da Liga Galega Infantil e da Liga Provincial de Piragüismo. A recuperación do uso deportivo do encoro de Vilasouto, no ano 2022, permitiu reactivar a práctica desta disciplina nun espazo onde non estaba permitido remar desde a década dos 90.