A Xunta recibe 7 ofertas para as obras construción de 17 vivendas públicas en Lalín, licitadas por case 3,3 M€

Os futuros fogares construiranse en solo cedido polo Concello, nunha contorna residencial consolidada e ben comunicada, e serán eficientes enerxeticamente, con sistema de aerotermia na cuberta e paneis fotovoltaicos

As vivendas contarán con cualificación permanente, e están destinadas aos inscritos no Rexistro de Demandantes no concello, tanto veciños como persoas que traballan no municipio e desexen establecerse nel, contribuíndo así a fixar poboación

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2026

A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para as obras de construción de 17 novas vivendas de promoción pública en Lalín, licitadas por case 3,3M€. Estes futuros fogares  construiranse en solo cedido polo Concello e financiaranse con fondos autonómicos.

En concreto, estas vivendas situaranse nunha parcela do Agro de Lalín de Arriba cedida gratuitamente polo Concello. Prevese a construción dun edificio con 17 vivendas de 2, 3 e 4 dormitorios, nunha contorna residencial consolidada e ben comunicada, dotado de condicións de accesibilidade, calidade e eficiencia enerxética, incorporando sistemas como aerotermia na cuberta e paneis fotovoltaicos.

Os novos fogares contarán con cualificación permanente, estando destinadas aos inscritos no Rexistro de Demandantes no Concello de Lalín, tanto veciños como persoas que traballan no municipio e desexen establecerse nel, contribuíndo así a fixar poboación.

O Goberno galego avanza no seu compromiso para duplicar o parque público residencial en Galicia, cunha folla de ruta que fixa o obxectivo de acadar as 8.000 vivendas públicas no 2028 e as 10.000 no horizonte de 2030, en colaboración cos concellos e co sector, para garantir o acceso da cidadanía a un fogar digno e accesible.

Data de actualización: 26/05/2026