A Xunta pon en valor o compromiso do Centro Comercial Aberto Vigo Centro coa formación a prol da competitividade dos seus establecementos asociados
Vigo, 27 de maio de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, asistiu esta mañá ao almorzo informativo organizado polo Centro Comercial Aberto Vigo Centro sobre a atención ao cliente e técnicas de venda, apoiado polo Goberno galego ao abeiro das axudas a este tipo de entidades. Unhas axudas dotadas con 2,5 M€ que se enmarcan no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 e que na edición deste 2026 buscan reforzar a excelencia dos CCA e súa capacidade de dinamización.
Alén salientou o compromiso do CCA Vigo Centro coa formación de cara á profesionalización e competitividade dos seus establecementos asociados e aproveitou para lembrar iniciativas da Xunta nesa mesma liña como o Campus formativo de emprego autónomo, con contidos orientados a sectores como o do comercio. Tamén se referiu á acción formativa que está a promover a Xunta en xestión e transformación comercial destinada a profesionais e responsables de áreas comerciais urbanas deica o vindeiro 19 de xuño.