Martina Aneiros enxalza a capacidade dos Bonos Activa Comercio para a revitalización dos establecementos de proximidade

A delegada territorial da Xunta en Ferrol informou da nova convocatoria durante a visita a tres comercios adheridos

A convocatoria conta cun orzamento de 2,5 M€ e prevé mobilizar 8,5 M€ durante esta primeira edición do ano

Como novidade, habilítase un sorteo a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos que realicen compras no marco do programa

Narón (A Coruña), 27 de maio de 2026

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da nova convocatoria do Bono Activa Comercio, a primeira deste 2026, destacando que desde hoxe mesmo se poden descargar. Fíxoo durante a visita xunto ao director territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Juan José Couce,  a tres establecementos adheridos á campaña: a tenda para mascotas MoyDog, en Ferrol, o centro de saúde natural Bioreona e o establecemento de venda de xoguetes, moda e deporte Din&Don, estes dous últimos situados en Narón.

Este programa da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración conta cun orzamento de 2,5 M€ e unha previsión de investimento mobilizado de 8,5 M€. Ao igual que en anteriores ocasións, trátase de bonos de desconto de ata 30 euros por beneficiario que poden obterse na web bonosactivacomercio.gal. Estes están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, favorecendo así a dinamización inmediata do comercio local.

Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros, mentres que nas compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros o desconto será de 10 euros. A partir desta contía, o desconto alcanzará os 15 euros. Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta edición. Non hai límite de usuarios pero unha vez esgotado o crédito total de 2,5 M€, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo aínda que non se teñan consumido na súa totalidade. Ademais, co fin de incrementar as vendas, establécese a incompatibilidade dos bonos Activa Comercio con calquera outra axuda destinada á mesma actuación subvencionable dentro dunha mesma compra.

Aneiros referiu un novo éxito da convocatoria, que conta actualmente con 319 establecementos adheridos no ámbito da Delegación. A representante autonómica lembrou que o prazo de adhesión dos establecementos interesados está aberto desde o pasado 27 de marzo e que aqueles que así o desexen poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria.

Ademais, informou que como novidade deste ano habilítase un sorteo a través das contas oficiais da Xunta en TikTok e Instagram, dirixido ás persoas usuarias dos bonos Activa Comercio que realicen compras no marco do programa, co obxectivo de contribuír a dar maior visibilidade ao comercio local.

O sorteo consistirá na adxudicación de catro bonos adicionais por importe de 250 euros cada un, en formato dixital mediante código QR, que poderán utilizarse nos establecementos adheridos cun prazo de validez dunha semana. A participación estará vinculada á realización dunha compra con bono nun comercio adherido e á interacción coas publicacións oficiais da campaña nas redes sociais.

Aneiros puxo en valor a medida, enmarcada no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, “coa que o Goberno galego apoia a revitalización dos establecementos de proximidade, o incremento da competitividade no sector e o consumo local”, sinalou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026