A Xunta organiza un simulacro de lume forestal para ensaiar o operativo de emerxencias na provincia de Lugo
O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron na actividade, que se desenvolveu en Castroverde e Baleira
O obxectivo é probar a resposta coordinada de todas as administracións, servizos, grupos de intervención e corpos de seguridade encargados de actuar no dispositivo contraincendios
Castroverde (Lugo), 27 de maio de 2026
A Xunta organizou hoxe un simulacro de incendio forestal entre os concellos de Castroverde e Baleira para ensaiar o operativo de emerxencias na provincia de Lugo.
O delegado territorial, Javier Arias, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participaron no dispositivo, que ten por obxecto avaliar a resposta coordinada de todas as administracións, servizos, grupos de intervención e corpos de seguridade encargados de actuar nesta situación.
Durante o exercicio simulouse a activación do Plan especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais en Galicia (Peifoga), a causa dun lume orixinado en Peredo, na parroquia de Frairía (Castroverde), con posible afectación a superficie forestal e núcleos de poboación deste municipio e tamén de Baleira.
A actividade requiriu a constitución dos centros de mando e control previstos no Peifoga: o Centro de Coordinación Operativa (CECOP); un Posto de Mando Avanzado (PMA) na área recreativa da Veiga do Olmo de Castroverde; e dous Puntos de Recepción de Medios (PRM), un en cada concello, ambos coordinados por persoal da Consellería do Medio Rural.
Detalles do simulacro
O simulacro comezou ás 10,00 horas coa alarma de incendio e a chegada dos primeiros efectivos do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta. Coa declaración da situación operativa 2 do Peifoga polo risco para as persoas, constituíuse o Posto de Mando Avanzado.
Ademais, mobilizáronse os grupos de intervención e as forzas de seguridade, servizos de emerxencias, sanitarios e os medios materiais correspondentes. Tamén se puxeron en práctica medidas de protección da poboación, como confinamento, evacuación ou afastamento das zonas afectadas.
Así mesmo, ensaiouse a coordinación dos grupos operativos ante a posibilidade de ter que cortar senllos treitos da estrada LU-530 e do Camiño de Santiago; así como a prestación de atención médica a un traballador ferido nas tarefas de extinción. Unha vez estabilizado o incendio desactivouse a situación 2 e os medios seguiron traballando ata dalo por finalizado arredor das 13,00 horas.
Participantes
Participaron na actividade técnicos e axentes forestais e medioambientais, diferentes unidades de loita contra incendios da Xunta e o Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Sarria.
En canto ao apoio sanitario, loxístico e de seguridade, coordinado polo Servizo de Emerxencias de Lugo, colaboraron a Unidade da Policía Nacional Adscrita a Galicia (UPA), a Garda Civil, o 061, os concellos de Baleira e Castroverde, a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Baleira, a Federación de AVPC, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e Cruz Vermella.
Ademais, os centros de mando e control contaron con representantes das consellerías do Medio Rural e de Presidencia, Xustiza e Deportes; Subdelegación do Goberno; entidades locais afectadas e o Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo, entre outros.