O presidente da Xunta visitou as instalacións da fábrica de `Coca-Cola Europacific Partners´ na Coruña
Rueda destaca a importancia de que as empresas galegas compaxinen crecemento e progreso co compromiso co medio ambiente
Subliña que no marco da Alianza galega polo clima as compañías son “aliadas da Xunta para concienciar a todo o mundo, empezando pola xente máis nova”
Apunta a relevancia de que os estudantes coñezan o día a día do tecido empresarial e lembra que “a FP Dual en Galicia ten case un 100% de inserción laboral”
A Coruña, 27 de maio de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a importancia de que as empresas galegas compaxinen o seu crecemento e progreso coas políticas de compromiso co medio ambiente. Así o sinalou esta mañá durante a súa visita á fábrica de Coca-Cola Europacific Partners na Coruña, na que estivo acompañado por alumnos de Formación Profesional do IES Sardiñeira. No acto tamén participou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, xunto con responsables da empresa.
Durante o acto, o presidente agradeceu á compañía que demostre “que unha empresa moi grande se preocupa polo impacto que ten nos lugares onde está, e que é posible fabricar con máis eficiencia enerxética, e que é posible coidar moito a materia prima, empezando pola auga”, ademais de lembrar a aposta da empresa pola reciclaxe.
A visita inscríbese no programa Inspiradores polo clima, un conxunto de actividades promovido pola Xunta para achegar á rapazada e mocidade os proxectos innovadores das empresas adheridas á Alianza galega polo clima. Así, ademais de obradoiros en centros educativos, este ano incorporouse como novidade a visita a empresas como esta.
Rueda fixo fincapé na relevancia de que os estudantes coñezan o día a día do tecido produtivo e que iso só o poden facer posible “as empresas que vos abrides a que a xente nova vos coñeza”, lembrando que “agora mesmo a FP Dual en Galicia ten case un 100% de inserción laboral”.
Aliadas para concienciar á cidadanía
Ademais, o presidente da Xunta considerou que é fundamental contar con referentes como esta multinacional, para que dean exemplo de como se poden implantar políticas de sustentabilidade ligadas ao crecemento. Así, subliñou que as compañías son “aliadas da Xunta para concienciar a todo o mundo, empezando pola xente máis nova”.
Co obxectivo de cumprir ambas metas, o Goberno galego está poñendo en marcha diversas iniciativas, como a propia Alianza galega polo clima, ao que xa están adscritas 259 organizacións, incluída Coca Cola. Esta rede ten como finalidade poñer medidas en común e aproveitar sinerxías que contribúan á loita contra o cambio climático.
A Xunta ten fixado por Lei acadar a neutralidade climática no horizonte de 2040, 10 anos antes do que pide a Unión Europea, un obxectivo para o que é precisa a colaboración do conxunto da sociedade.