Medio Rural insiste ao Ministerio de Agricultura nas demandas para mellorar a posición negociadora dos gandeiros e as condicións dos contratos lácteos
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño, insistiu hoxe nestas reclamacións de Galicia, relacionadas co chamado paquete lácteo, un conxunto de normativas que regulan o sector
Propóñense, entre outras, medidas como a de prorrogar automaticamente os contratos se non hai acordo no prezo, garantindo a recollida do leite durante o período de tempo de negociación e evitando a perda do non recollido
Santiago de Compostela, 27 maio de 2026
O director xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Juan José Cerviño, reiterou hoxe ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), varias demandas de Galicia relacionadas co chamado paquete lácteo e orientadas á mellora da posición negociadora dos produtores e tamén á optimización dos contratos do leite.
Foi durante a súa participación, de forma telemática, nas Xornadas de reflexión sobre esta materia organizadas polo MAPA e que tiveron lugar ao longo de onte e desta mañá, coa participación de diversos expertos, tanto do propio Ministerio como doutras comunidades autónomas e de entidades como a patronal láctea Fenil. O denominado paquete lácteo e a Lei da cadea alimentarias son aplicadas en España co fin de mellorar o equilibrio na cadea de valor do sector leiteiro.
Neste contexto, o director xeral insistiu nas reclamacións de Galicia, que se concretan no fomento do fortalecemento da posición negociadora dos produtores, promovendo a súa integración en organizacións de produtores lácteos (OPL). Tamén, nunha serie de medidas para reforzar a eficacia da normativa. Entre elas, salienta a de que para a presentación dun novo contrato se permita rexeitar ofertas non só pola duración, senón tamén polo prezo, garantindo que o prezo no contrato final non sexa inferior ao rexeitado.
Así mesmo, proponse estender a obriga de revisar á alza os prezos en casos de venda a perdas continuada, en todas as relacións contractuais consecutivas superiores a seis meses e prorrogar automaticamente os contratos se non hai acordo no prezo, garantindo a recollida do leite durante o período de tempo de negociación e evitando a perda do non recollido.
Nesta mesma liña, demándase a modificación da Lei da Cadea Alimentaria para garantir a súa eficacia real e efectiva, en particular, para establecer un sistema estandarizado de cálculo dos custos de produción que sirva de referencia nos contratos lácteos e outorgue transparencia ao sector. Ao tempo, tamén se reclama publicar un índice de evolución dos custos de produción do leite de maneira periódica, que poida servir de referencia para a formalización dos contratos e impulsar mecanismos de indexación de prezos para contratos de longa duración, vinculados á evolución dos custos de produción.