Medio Rural reforza en WineMad 2026 a promoción dos viños galegos nun mercado estratéxico para o sector vitivinícola

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu hoxe á inauguración desta feira en Madrid, na que por primeira vez se apoia a participación de 22 adegas das diversas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas

O programa de actividades inclúe diferentes relatorios e presentacións técnicas arredor das castes autóctonas, da historia vitivinícola galega e da influencia do clima e do solo na personalidade dos viños galegos 

Desde o Goberno galego apóstase pola promoción da calidade alimentaria través do desenvolvemento do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con máis de 10 millóns de euros este ano, dous máis que no 2025

Madrid, 27 de maio de 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu hoxe á inauguración de WineMad 2026, que se celebra ata o venres no recinto de IFEMA, e onde a Consellería do Medio Rural reforza a promoción dos viños galegos nun mercado estratéxico para o sector vitivinícola cun espazo expositivo propio. En concreto, 22 adegas galegas vinculadas ás distintas denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas, estarán presentes nesta feira co obxectivo de dar visibilidade e abrir novas oportunidades comerciais para o sector vitivinícola galego.

Nesta edición, e por primeira vez, a Consellería do Medio dispón dun expositor de 210 metros cadrados deseñado como un espazo dinámico, inmersivo e contemporáneo, pensado para favorecer a actividade comercial das adegas participantes e ofrecer unha experiencia atractiva aos profesionais asistentes. Así mesmo, conta con áreas individualizadas para reunións comerciais, zonas de exposición e un espazo destinado á realización de catas e presentacións especializadas.

O programa de actividades inclúe diferentes relatorios e presentacións técnicas arredor das castes autóctonas, da historia vitivinícola galega e da influencia do clima e do solo na personalidade dos viños galegos.

Compromiso coa promoción da calidade alimentaria

O director reiterou o compromiso da Xunta coa promoción da calidade alimentaria en xeral, que se plasma, entre outras medidas, a través do desenvolvemento do Plan Saborea Galicia Calidade Diferenciada, dotado con máis de 10 millóns de euros este ano, dous máis que no 2025. Por medio desta iniciativa apóiase a participación dos produtores galegos en eventos gastronómicos fóra de Galicia e de España e refórzase a promoción en Galicia, con mercados, feiras enoturísticas e gastronómicas e mesmo con accións en centros educativos.

En definitiva, desde o Goberno galego apóstase pola participación en eventos especializados como WineMad nun momento de transformación para o sector vitivinícola. Neste contexto, os viños galegos presentan importantes fortalezas competitivas asociadas á súa diversidade, frescura, singularidade e capacidade para transmitir identidade, territorio, autenticidade e cultura.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/05/2026