Así o indicou o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, no marco da Comisión 5ª do Parlamento de Galicia
A Xunta lembra o impacto nas listas de espera da falta de diálogo do Ministerio de Sanidade cos facultativos, con 245.000 actos médicos suspendidos polos paros contra o estatuto marco
O xerente do Servizo Galego de Saúde lamenta a falta de sensibilidade do Goberno central ante as peticións do colectivo médico e as consecuencias das folgas para os pacientes afectados
A pesar dos paros, Galicia acadou en 2025 un máximo histórico de actividade cirúrxica por segundo ano consecutivo, ao superar as 207.400 operacións
Incrementouse nun 2,8 % con respecto ao ano anterior o número de probas diagnósticas, realizándose máis de 3,7 millóns
Os tempos de resposta nas vías rápidas de cancro mantéñense en 5,6 días de espera media
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, lamentou esta mañá no Parlamento de Galicia que as listas de espera para probas, operacións ou consultas externas se vaian ver afectadas a causa do conflito aberto polo Ministerio de Sanidade arredor da reforma do Estatuto Marco e que xa supuxo, desde o inicio das folgas médicas en decembro, a suspensión de preto de 245.000 actos asistenciais.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable sanitario sinalou as consecuencias para miles de pacientes galegos dunha xestión do Goberno central que demostra unha escasa sensibilidade cara ao colectivo médico e, por extensión, cara ás persoas que están detrás de cada cita suspendida.
José Ramón Parada destacou a mellora continua na actividade asistencial do Sergas e resaltou, en particular, que en 2025 Galicia acadou por segundo ano consecutivo un máximo histórico de actividade cirúrxica con 207.409 intervencións. Isto é, 2.580 operacións máis que o ano anterior.
Tamén se incrementou nun 2,8 % con respecto a 2024 o número de probas diagnósticas, realizándose máis de 3,7 millóns.
O xerente do Sergas fixo fincapé na prioridade que a Xunta lle dá á detección temperá do cancro e por iso os tempos de resposta nas vías rápidas oncolóxicas mantéñense en 5,6 días de espera media.
Parada subliñou tamén que Galicia se sitúa claramente por debaixo da media estatal en pacientes con esperas prolongadas, xa que só o 5,7 % dos pacientes cirúrxicos supera os seis meses de espera, fronte ao 22,9 % da media do Sistema Nacional de Saúde.
Transparencia na xestión
A intervención do xerente do Servizo Galego de Saúde remarcou a transparencia da sanidade pública galega nos datos de xestión da espera en cirurxías, probas e consultas externas. De feito, Galicia publica os datos que marca a normativa semanas antes de que o faga o Ministerio de Sanidade.
Neste sentido, José Ramón Parada insistiu unha vez máis en que os datos que se deben medir veñen definidos no Real Decreto 605/2003, do 23 de maio, polo que se establecen medidas para o tratamento homoxéneo da información sobre as listas de espera no Sistema Nacional de Saúde.
Quixo deixar claro que nos datos non hai fases sen rexistrar nin arbitrariedade. “Hai normas, hai definicións e criterios obxectivos”, sinalou. Así, en canto aos datos da lista de espera cirúrxica, precisou que o paciente entra na lista o mesmo día que o especialista decide que necesita ser operado, porque iso é o que di a lei e iso é o que cumpre o Sergas.
Parada explicou só a espera estrutural é a que reflicte a capacidade real do sistema sanitario, dado que mide a demora atribuíble á organización e aos recursos dispoñibles. Por outro lado contabilízase a espera tras rexeitamento de centro alternativo e os casos de pacientes transitoriamente non programables para a cirurxía, por motivos clínicos ou por motivos persoais que impiden temporalmente realizar a intervención.
Sobre as axendas dinámicas para marcar unha cita, o xerente do Sergas aclarou que desde o momento da petición se xera un xustificante de petición para o paciente coa data, hora, centro e servizo de solicitude. Os indicadores elabóranse a partir desa data de petición aínda que a cita se marque no momento en que se pode realizar, para evitar reprogramacións e cancelacións, ademais de garantir que sempre se atende antes o paciente máis urxente e non simplemente a quen chegou primeiro.