A Xunta amplía o prazo de solicitude das axudas á contratación dos seguros do programa ‘Fogar Vivo’, para mobilizar no mercado vivendas en alugueiro accesible
Trátase da convocatoria das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, cuxo prazo de solicitude esténdese ata o vindeiro 15 de xullo
O programa contempla axudas de ata 3.000€ para sufragar os seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, un incentivo para reforzar a seguridade dos propietarios e animalos a ofertar vivendas en alugueiro.
A vixente convocatoria das axudas do programa ‘Fogar Vivo’, conta cunha dotación total de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), a ampliación do prazo de presentación de solicitudes de axudas á contratación de seguros para reforzar e mobilizar no mercado máis vivenda en alugueiro accesible.
Trátase da convocatoria das axudas para facer fronte ao custo da contratación dos seguros de impagamento de rendas e/ou seguros de multirrisco de fogar, no marco da convocatoria en vigor do programa “Fogar Vivo”, cuxo prazo estaba inicialmente vixente ata o vindeiro 3 de xuño, estendéndose o mesmo ata o vindeiro 15 de xullo.
Neste caso, o programa contempla axudas de ata 3.000€ para sufragar os seguros de impagos e de danos no fogar durante os 5 primeiros anos do contrato, un incentivo para reforzar a seguridade dos propietarios e animalos a ofertar vivendas en alugueiro.
Cómpre lembrar que a vixente convocatoria das axudas do programa ‘Fogar Vivo’, cunha dotación total de 2,8M€ para mobilizar vivendas en alugueiro accesible, publicouse o pasado 27 de febreiro para incentivar no mercado un maior número de vivendas baleiras ao alugueiro accesible. Con estas axudas, os propietarios tamén poden acometer melloras na vivenda, incluíndo a renovación de electrodomésticos ou sanitarios, acondicionando inmobles que en moitos casos, levaban tempo sen uso, para alugalos.