Medio rural desenvolverá un novo pasteiro en Rois cun investimento de máis de 200.000 euros para contribuír a manter xestionado o territorio
A conselleira María José Gómez visitou hoxe os terreos no monte da Rocha de Ermedelo, propiedade da comunidade de montes veciñais en man común de Albagueira, nos que se vai implantar nunha superficie de case 16 hectáreas
Desde 2020, o Goberno galego mobilizou co Plan de Pastos de Galicia case 2.500 hectáreas, distribuídas en 106 pasteiros e investiu uns 15 millóns de euros
Reafirmou que este tipo de infraestruturas son unha medida de relevancia para o gando en extensivo e para o territorio, polo que se continuará co seu impulso de xeito continuado e en función das propostas recibidas
Rois (A Coruña), 29 de maio de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou hoxe os terreos nos que se vai desenvolver un novo pasteiro no concello de Rois. A execución desta infraestrutura, que conta cun investimento de máis de 200.000 euros, realizarase no monte da Rocha de Ermedelo para dar servizo á comunidade de montes veciñais en man común de Albagueira e contribuír a manter xestionado este territorio.
En total, ocupará unha superficie de case 16 hectáreas, nas que se levarán a cabo traballos de roza, encalado, abonado e sementado, entre outros. A maiores, construirase un peche gandeiro, colorearanse cancelas e instalaranse un paso canadense e unha manga de manexo, así como dous bebedoiros e outros tantos comedeiros.
A conselleira sinalou que con este pasteiro, a veciñanza ampliará a base territorial para o seu gando, favorecendo a actividade gandeira en extensivo, ao mesmo tempo que se contribúe a controlar a vexetación nestas parcelas e a crear barreiras naturais, o que favorece á prevención de incendios forestais.
Compromiso da Xunta cos pasteiros
Este pasteiro de Rois intégrase dentro do Plan de Pastos de Galicia, no marco do cal desde a Consellería do Medio Rural xa mobilizou, desde 2020, case 2.500 hectáreas a través de 106 pasteiros cun investimento de arredor de 15 millóns de euros. Neste sentido, a conselleira salientou que se seguirá traballando da man dos propietarios con iniciativas coma esta para garantir un rural máis produtivo, protexido e con futuro.
Deste xeito, ao longo deste ano está previsto comezar a execución de novos pasteiros nas catro provincias galegas, entre os que se atopan este de Rois e os xa anunciados en Viveiro ou Xunqueira de Espadanedo. A conselleira explicou que todos eles son propostas recibidas desde hai tempo na Consellería e avanzou que se seguirán impulsando este tipo de infraestruturas de xeito continuado, en función das dispoñibilidades e das propostas.