O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración interveu hoxe na clausura do acto, organizado desde o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal)

A Xunta reafirma no ‘Día da Economía Social Galega’ o seu compromiso con este ecosistema no marco da Estratexia específica Horizonte 2027

José González destaca que o Goberno galego destina este ano case 45 M€ á economía social, dentro da 2ª Estratexia que rexe este eido que prevé crear 4.000 novos postos de traballo e impulsar a constitución de 400 novas entidades  

Salienta apoios autonómicos como os dirixidos aos centros especiais de emprego, ás empresas de inserción laboral, á creación e consolidación de empresas e emprego na economía social ou á formación dual para persoas con discapacidade intelectual

Tamén a Rede Eusumo que permitiu crear 264 proxectos e máis de 540 empregos directos, e iniciativas como Medrando Xuntas, que pecha este domingo 31 prazo para concorrer aos recoñecementos que buscan poñer en valor a muller na economía social

Resaltando o traballo na nova Lei de cooperativas e ao fío da Lei integral de impulso á economía social, aproveita para sinalar que Galicia se consolida como caso de éxito e referente para a elaboración do Catálogo estatal de entidades de economía social

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2026

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, e pola directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, interveu hoxe na clausura do Día da Economía Social Galega organizado por Foroesgal, onde puxo en valor o peso na nosa Comunidade desta fórmula solidaria pegada ao territorio, xeradora de riqueza e emprego tanto en vilas como en cidades. Así, destacou o compromiso da Xunta con este eido destinándolle este ano preto de 45 M€, dentro da Estratexia Galega de Economía Social Horizonte 2027 que prevé crear 4.000 novos postos de traballo e impulsar a constitución de 400 novas entidades.

O conselleiro comezou poñendo en valor o Foro pola Economía Social Galega (Foroesgal) que organizou a xornada de hoxe, por aglutinar máis de 370 entidades e organizacións que sosteñen preto de 10.000 postos de traballo directos, xerando un volume de ingresos de máis de 1.600 M€. Reafirmando o apoio e acompañamento da Xunta á economía social como fórmula que pon as persoas no centro, salientou o labor autonómico no marco da 2ª Estratexia que rexe este eido, apostando por consolidar o crecemento deste modelo en Galicia e xerar novas oportunidades en sectores emerxentes, como o tecnolóxico, o verde ou o industrial.

Nese contexto, o Goberno galego revalida este ano convocatorias como a dirixida a manter os postos de traballo e a reforzar a atención ás persoas con maiores dificultades de inserción nos centros especiais de emprego, a destinada ás empresas de inserción, as que buscan promover a creación e consolidación de empresas e emprego na economía social ou a formación dual para persoas con discapacidade intelectual. Tamén apoia as entidades da Rede Eusumo  e as entidades asociativas, impulsando accións de divulgación, formación e asesoramento especializado, como as que desenvolve Foroesgal.

Nese senso, cabe resaltar que —con 115 entidades adheridas desde a súa creación en 2012— a Rede Eusumo permitiu crear en Galicia 264 proxectos que xeraron máis de 540 empregos directos. A maiores, ten organizado máis de 2.000 actividades formativas e informativas ás que asistiron preto de 39.000 persoas, ademais de ter asesorado máis de 1.500 grupos promotores para o impulso de proxectos cooperativos, con máis de 3.000 persoas implicadas.

Precisamente no marco da Rede Eusumo, está en marcha a iniciativa Medrando Xuntas, pensada para fortalecer o papel das mulleres na economía social galega mediante formacións, encontros e accións de visibilización. Ao seu abeiro, está aberto ata este próximo domingo 31 de maio o prazo para presentar candidaturas aos recoñecementos Medrando Xuntas Impulsa 2026, en tres categorías diferentes (Maior impacto social, Innovación e creatividade e Sostibilidade e economía circular).

Compromiso lexislativo

Co afán de afianzar a economía social en Galicia, José González sinalou que se está avanzando nunha nova Lei de cooperativas, que permitirá actualizar o marco normativo, vixente desde 1998. Unha lei que busca visibilizar esta fórmula como alternativa para o emprendemento en sectores estratéxicos e coa que se quere proporcionar maior seguridade xurídica e ferramentas máis claras e adaptadas á nova realidade socioeconómica.

Tamén fixo referencia á nova Lei integral de impulso á Economía Social, recentemente aprobada polo Goberno central. O titular de Emprego apuntou que recupera a obriga de contar cun Catálogo de Entidades de Economía Social Estatal e que Galicia xa fixo no seu momento un exercicio pioneiro coa creación do seu propio Catálogo de Economía Social hai xa 10 anos, que permitiu identificar, estruturar e dar visibilidade ao conxunto de entidades da economía social galega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/05/2026