Medio rural salienta a importancia da conservación das razas autóctonas e defende o impulso da Xunta a elas
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe unha explotación de vaca cachena, onde puxo en valor esta liña de axudas que convoca anualmente a Consellería, cun orzamento de 390.000 euros
Cualedro (Ourense), 1 de xuño de 2026
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, visitou hoxe unha explotación de vaca cachena, propiedade da comunidade de montes veciñais de Lucenza, onde puxo en valor as axudas convocadas pola Consellería do Medio Rural para impulsar e conservar as razas autóctonas da nosa comunidade.
José Balseiros lembrou que a última convocatoria destas axudas estivo dotada cun orzamento de 390.000 euros. Esta liña ten como obxectivo aumentar a rendibilidade de explotacións como a visitada hoxe, ao tempo que se impulsa a súa viabilidade e o nivel de vida dos gandeiros.
Estas achegas contribúen a modernizar este eido nas vertentes xenéticas, sanitarias e de produción animal, ademais de mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos e da calidade das producións. Do mesmo xeito, favorécese a optimización da utilización das oportunidades e recursos dispoñibles.
Convenios para o fomento das razas autóctonas
Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural impulsa tamén outro tipo de iniciativas para afondar no fomento das razas autóctonas, como son os convenios con entidades e asociacións de criadores destas razas.