A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto para instalar unha nova terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actividade teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto desenvolverase en dúas parcelas nas que se localizarán os tanques de almacenamento e na instalación dunha tubaxe de interconexión entre elas e o peirao

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2026

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a instalación dunha nova terminal de almacenamento de betume no porto de Vilagarcía de Arousa.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada, como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polos promotores foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de 11 organismos interesados.

Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como protección da atmosfera, da poboación, da saúde, das augas e dos leitos fluviais; xestión de residuos, fauna e vexetación; integración paisaxística; ou medidas de eficiencia enerxética, entre outras cuestións.

Unha vez emitido o IIA, que non exime aos promotores da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e nos próximos días daráselle publicidade mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia DOG e a través da páxina web da Consellería.

En canto ao proxecto, promovido pola empresa Betunes Gallegos SLU, desenvolverase en dúas parcelas (Site 1 e Site 2) e incluirá ademais a instalación dunha tubaxe de interconexión entre ambos espazos de almacenamento e o peirao.

En concreto, na primeira das parcelas construiranse tres novos tanques de almacenamento cunha capacidade útil total de aproximadamente 31.000 m³, ademais de preverse obras de desmantelamento de instalacións existentes, a construción de edificacións auxiliares ou a instalación de tubaxes para a condución de betume desde o porto. Estímase un almacenamento anual de 250.000 m³.

Na Site 2 poñerase en marcha unha instalación existente con capacidade útil de 6.000 m³, incluíndo mantemento e reparación de tanques, tubaxes, edificacións, sistemas eléctricos e outros equipos necesarios para o almacenamento e distribución de betume, cunha capacidade prevista de 70.000 toneladas anuais.

Ademais, grazas á canalización subterránea xa mencionada permitirase o transporte de betume desde os barcos atracados no porto cara aos tanques de almacenamento e viceversa, optimizando así a loxística e o manexo do material.

Data de actualización: 03/06/2026