A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe nun xantar-coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia
Lorenzana apela a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar a industria en Galicia
Apunta que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 M€ e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade
Destaca a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”
Vigo, 4 de xuño de 2026
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, destacou hoxe a seriedade, a capacidade produtiva e o talento que leva demostrado a industria galega e apelou a non deixarse contaminar pola corrente negacionista que quere derrocar o futuro industrial de Galicia.
“A realidade demostra que estamos competindo de verdade, de ti a ti, cos territorios máis avanzados de Europa e que somos quen de xerar aquí valor industrial de primeiro nivel”, dixo. Polo tanto, proseguiu, “é importante que non nos deixemos contaminar por unha corrente que ten afluentes en organizacións sindicais ou ambientais e que ten unha única misión que é derrocar Galicia, acabar co seu desenvolvemento industrial”.
Lorenzana interveu hoxe nun xantar coloquio no Círculo de Empresarios de Galicia, que serviu como acto inaugural do programa Capacita Directivos, organizado polo Instituto Económico de Galicia (Igape), onde destacou a importancia de que exista unha “convicción colectiva” das capacidades que ten a industria galega e de que “Galicia pode ocupar unha posición de liderado desde o punto de vista económico”.
Neste contexto, apuntou que, neste momento, a Xunta ten en tramitación 16 proxectos industriais estratéxicos que suman un investimento de 1.700 millóns de euros e unha capacidade de xeración de 3.700 empregos en toda a comunidade. Entre eles, mencionou o aprobado máis recentemente: o complexo industrial que Saic prevé implantar na comarca de Ferrolterra.
“De conseguir lograr que frutifique, ten unhas dimensións impresionantes non só para a comarca na que se vai instalar, que é unha zona que precisa unha diversificación industrial, senón para todo o sector industrial vigués e, en particular, para as empresas da cadea de valor da automoción”, asegurou.
Segundo dixo, “Saic chega aquí cun compromiso, como non pode ser doutra maneira, e así se lle está exixindo, de contratación e de compra en local, co cal os nosos provedores van ter unha oportunidade enorme; primeiro, de estabilizar a súa produción; e, tamén, de ofrecer e de establecer alianzas comerciais con esta empresa que ten, ademais, moitas liñas de negocio”, engadiu.
Sobre o programa Capacita Directivos, que impulsa desde hai máis dunha década o Instituto Económico de Galicia (Igape), indicou que leva desenvolvido máis de 100 actividades formativas con máis de 20.000 asistentes. É unha iniciativa, dixo, que responde á necesidade de entender que “as empresas non cambian cando cambia a tecnoloxía, senón cando cambian as decisións”.