A Xunta pon en valor convocatorias como o Bono Remuda ou o programa ES-Transforma á hora de garantir o futuro da economía social galega
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, compareceu hoxe no Parlamento para dar conta das actuacións a prol do emprendemento impulsadas no marco da Estratexia galega de economía social horizonte 2027
Sinalou que ata o día 30 deste mes aínda se poden solicitar as achegas por 1,5 M€ do Bono Remuda deste ano, mentres se están a tramitar —tras pechar o prazo— as de ES-Transforma, coa previsión de esgotar os 2,37 M€ de orzamento dispoñibles
Mencionou outros apoios no eido da economía social como a iniciativa transfronteiriza ES-Factory e o programa Medrando Xuntas, ademais doutros en relación ao comercio, ao retorno ou á artesanía como complementarios das accións do seu departamento
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2026
A directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, puxo hoxe en valor convocatorias como o Bono Remuda ou o programa ES-Transforma á hora de garantir o futuro do tecido produtivo no eido da economía social. Foi na súa comparecencia na comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, onde fixo balance destas e outras actuacións no marco da execución da Estratexia galega de economía social horizonte 2027.
No caso do Bono Remuda, con prazo de solicitude aínda aberto ata o 30 deste mes de setembro ao abeiro da orde única de axudas para persoas traballadoras autónomas, Mariño salientou que o obxectivo é evitar o peche de negocios por falta de remuda e facilitar que unha persoa interesada en emprender poida coller o testemuño dunha actividade xa viable. Con apoios tanto para quen deixa a empresa como para quen a asume, a directora xeral falou de máis de medio cento de solicitudes xa aprobadas, por un importe próximo aos 1,3 millóns de euros.
Poñendo o foco no emprendemento colectivo, a representante autonómica referiuse ao programa ES-Transforma, cuxas solicitudes recibidas este ano se están a tramitar coa previsión de axudar preto de 90 entidades. Segundo explicou, por unha banda apóiase a constitución de cooperativas ou sociedades laborais por ausencia de remuda xeracional integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras afectadas pola crise, xubilación, incapacidade permanente ou falecemento da persoa empregadora. Tamén a unión de persoas autónomas con actividade preexistente para gañar seguridade, fortaleza financeira, carteira de clientes e solvencia ou, por último, a transformación doutras sociedades en cooperativa ou sociedade laboral, incluída a adquisición do capital polas persoas traballadoras para continuar a actividade.
A maiores, a directora xeral citou o proxecto transfronteirizo ES-Factory, de cooperación Galicia–Norte de Portugal, liderado pola Xunta para impulsar e consolidar emprego de calidade en novas actividades emerxentes da economía social e ao abeiro do que se promoveron, desde 2025, un total de 12 bolsas xerenciais con estadías de seis meses en cooperativas, formación, mentoría e capacitación continua. Tamén a iniciativa Medrando Xuntas, que reforzou este ano as competencias de dirección e liderado de máis de 80 mulleres da economía social galega, impactando en total en máis de 135 persoas directivas, socias e traballadoras.
Segundo apuntou, estas actuacións intégranse nunha política de economía social cun orzamento próximo aos 45 M€ este ano e na estratexia deica 2027 que fixa como metas 4.000 novos empregos e 400 entidades novas.
Compromiso da Xunta
Marta Mariño fixo fincapé en que a continuidade empresarial tamén precisa comercio activo, transmisión dos oficios e persoas dispostas a regresar e emprender. Nese senso, falou tamén doutras iniciativas como o proxecto de dinamización comercial Vilas Vivas que está a impulsar a reapertura de locais xa de xeito piloto en Ribadavia, incluíndo a posta en marcha da Casa da Artesanía de Galicia. Tamén da formación e outros apoios autonómicos a prol da conservación dos oficios artesanais.
Por último, a directora xeral referiuse ás achegas ao autoemprego para persoas retornadas, coas que se levan apoiado desde 2013 máis de 1.000 proxectos en arredor de 200 concellos. En definitiva, aseverou que a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración actúa sobre toda a cadea da continuidade: detecta oportunidades, conecta persoas, apoia negocios que precisan remuda, promove fórmulas colectivas, prepara novos perfís de dirección, dinamiza espazos comerciais, preserva os oficios artesáns e atrae talento retornado.