O presidente da Xunta participa na inauguración da 48 edición deste certame
Rueda destaca a puxanza da Feira Abanca Semana Verde, coa maior participación expositiva en 19 anos, e reivindica o evento como un gran escaparate de Galicia
Salienta a evolución dos últimos anos a nivel de participación, internacionalización e profesionalización, “sen perder a súa esencia no sector primario”
Silleda (Pontevedra), 4 de xuño de 2026
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a puxanza da Feira Abanca Semana Verde, que acada este ano a súa maior participación de expositores nos últimos 19 anos, cun total de 793. Reivindicou, ademais, o evento como un gran escaparate de Galicia.
Así o sinalou esta tarde tras a inauguración da 48 edición deste certame, na que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez.
Durante a súa intervención, puxo en valor que esta cita, que se prolongará ata o domingo, foi protagonista dunha gran transformación nos últimos anos, o que lle permitiu aumentar os niveis de participación, internacionalización (os expositores directos proveñen de 6 países diferentes) e profesionalización. Neste sentido, apuntou que esta feira "non perdeu a súa esencia de sector primario”, ao tempo que soubo “reinventarse e ter aquí as grandes empresas galegas”.
Considerou que todo este traballo, que subliñou como “un mérito colectivo”, a consolidou como un referente á hora de dar visibilidade á marca Galicia Calidade e á capacidade do rural galego de organizar eventos que atraian a milleiros de visitantes. Así, sinalou, a Semana Verde é “o escaparate da Galicia máis esencial, da Galicia Calidade, da Galicia moderna e do futuro que se reúne aquí en Silleda, e desde Galicia para o mundo”.
Na feira expóñense moitos dos valores de Galicia, como a alimentación e gastronomía, con Salimat; o turismo, con Turexpo ou Festur; ou outros ámbitos como a pesca, caza natureza; a gandaría e agricultura; e, máis recentemente, tamén se incorporou o sector da beleza e a estética. O turismo conta tamén con dous salóns, tendo en conta que o vindeiro ano se celebrará o Xacobeo 2027.