A Xunta dinamiza o centro histórico de Ribadavia a través de cursos de oficios artesanais no marco do proxecto Vilas Vivas

A Fundación Artesanía de Galicia organiza un curso de iniciación á marroquinería e dous de estampaxe sobre téxtil que se celebrarán os sábados 20 e 27 de xuño na Casa da Artesanía de Galicia

Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial que arranca como piloto en Ribadavia para converter espazos en desuso en negocios abertos rendibles e xeradores de emprego  

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración continúa a desenvolver a súa programación de divulgación e promoción da Artesanía de Galicia en Ribadavia no marco do seu proxecto Vilas Vivas. A través da Fundación Artesanía de Galicia desenvolverá tres cursos de iniciación aos oficios artesanais da marroquinería e da estampaxe sobre téxtil que se celebrarán no primeiro andar da Casa da Artesanía de Galicia (Banda da Lira, 2). Para poder participar nestas actividades é preciso inscribirse na web da Fundación Artesanía de Galicia.

O curso Tomate e trevo. Iniciación ao coiro terá lugar o sábado 20 de xuño, en horario de 11,30 a 14,30 horas e de 16,00 a 20,30 h., cun custo de 25 €. A artesá experta en marroquinería Antonina Kadyrova, do obradoiro AK (Vigo), será a encargada de impartir este taller de iniciación ao traballo co coiro orientado á creación dun complemento decorativo e funcional inspirado en formas orgánicas e elementos naturais: un charm de tomate e trevo acompañado dunha pinza para o sombreiro. As persoas asistentes coñecerán as técnicas básicas de marroquinería e os remates artesanais deste oficio comezando desde o corte, a ensamblaxe, a colocación de fornituras, a montaxe de cordón, a costura e o remate de cantos mediante lixado e bruñido.

O sábado 27 de xuño realizaranse dúas quendas do curso de Estampaxe de panos de algodón tradicional, impartidas por Sandra Betanzos, do obradoiro Amor ó teu (Ames), que terán un custo de 15 €. A quenda de mañá realizarase entre as 11,30 e as 14,30 horas e a da tarde de 16,00 a 20,30 h. A docente dará a coñecer a técnica que emprega no seu obradoiro para estampar panos de algodón con diferentes motivos a través da técnica do estarcido, consistente en transferir un deseño a unha superficie aplicando pintura a través dos ocos recortados nun modelo.

Casa da Artesanía de Galicia

Vilas Vivas é un proxecto pioneiro de revitalización comercial impulsado pola Xunta co obxectivo de converter espazos en desuso en negocios abertos que sexan rendibles e xeradores de emprego. Entre os locais acondicionados en Ribadavia atópase a Casa da Artesanía de Galicia, un espazo permanente de comercialización, de promoción e de divulgación do produto e dos oficios artesanais galegos, no que se están a realizar obradoiros abertos e cursos de formación co obxectivo de contribuír á dinamización desta vila ourensá.

Na planta baixa deste edificio está aberto un espazo de venda directa de produtos da marca Artesanía de Galicia no que se comercializan pezas de cerámica, de xoiería e bixutería, de xoguetes, de tecido, de coiro, de complementos de moda e de figuras tradicionais de miga de pan. A tenda está aberta de xoves a domingo en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas.

Data de actualización: 05/06/2026