A Xunta licita por 6,4 millóns de euros o servizo de limpeza do actual hospital Montecelo e do Provincial de Pontevedra
O período inicial do contrato é de 12 meses
A superficie que se limpará é de aproximadamente 86.257 metros cadrados
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 6 de xullo para presentar as súas ofertas
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
A Xunta vén de publicar no Portal de Contratos Públicos de Galicia, a licitación, por un importe de 6.410.126 euros e un período de doce meses, do servizo de limpeza do actual hospital Montecelo e do Provincial de Pontevedra. O valor estimado do contrato, atendendo á posible prórroga por un período máximo de doce meses, ascende a 11.654.775 euros.
As empresas interesadas en participar neste procedemento teñen de prazo ata o vindeiro 6 de xullo para presentar as súas ofertas.
O obxecto do contrato comprende a limpeza interior de todas as dependencias dos dous hospitais; a limpeza do mobiliario e equipamento; as zonas exteriores; a recollida e evacuación de residuos e de roupa sucia e o traslado e distribución de roupa limpa; a achega dos materiais e produtos de limpeza, desinfección e aseo necesarios, e a achega de maquinaria, útiles e ferramentas necesarias.
A superficie que se deberá limpar é de aproximadamente 86.257 metros cadrados, sumando os dous hospitais (o actual Montecelo e o Provincial). Deste total, máis de 5.100 m² son de risco alto, preto de 30.000 m² de risco medio e máis de 34.600 m² de risco baixo. A estas superficies hai que engadir exteriores e vías, máis de 16.000 m².
Unha correcta hixiene e desinfección e un ambiente limpo son unha medida de prevención e redución das infeccións relacionadas coa asistencia en saúde e, en calquera centro asistencial, o mantemento dun nivel de limpeza adecuado evita a transmisión de axentes infecciosos.