A Xunta dá luz verde ambiental ao proxecto dunha plantación de arandos no concello de Moeche
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que esta iniciativa teña impactos significativos sobre a contorna sempre que se cumpran os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
O proxecto prevé a produción deste froito en varias fincas localizadas na parroquia de San Xurxo, cunha superficie destinada para o cultivo e rego dunhas 15 hectáreas
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionada a un proxecto destinado á creación dun cultivo ecolóxico de arandos en varias fincas da parroquia de San Xurxo, no concello de Moeche.
Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre a contorna derivados do proxecto sempre que no seu desenvolvemento se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de sete organismos interesados.
Froito desas consultas, realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución autonómica.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes fixados nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección das augas e leitos fluviais; da fauna, vexetación e outros valores naturais; do solo e das infraestruturas; a integración paisaxística, ou a xestión de residuos, entre outras cuestións.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e daráselle publicidade tamén nos próximos días mediante anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
En canto aos detalles da iniciativa, promovida por Nagrinho SL, consiste na posta en rego de catro parcelas que na actualidade veñen sendo cultivadas e aproveitadas agronomicamente con rotacións de cultivos tradicionais (millo, pradeiras artificiais e outras plantas forraxeiras) para a creación dun cultivo ecolóxico de arandos.
A superficie total dos terreos incluídos no proxecto ascende a 22 hectáreas (226.606 m2) aínda que logo de deducir as zonas nas que non se intervirá e a delimitación de franxas perimetrais para manobra da maquinaria, a superficie final destinada a cultivo e rego será dunhas 15 hectáreas (144.020 m2).
Unha vez realizada a plantación, o promotor encargarase do mantemento do solo realizando segas periódicas na cuberta vexetal natural entre as filas de plantación.