Medio Rural inaugura no viveiro público dos Trollos unha senda divulgativa da riqueza forestal de Galicia

A conselleira María José Gómez, acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal e por un grupo de estudantes, percorreu o itinerario no marco do Día Mundial do Medio Ambiente

Esta iniciativa intégrase nun plan da Xunta para abrir ao público en xeral este tipo de instalacións que está dotado con arredor de medio millón de euros e que inclúe tamén actuacións no viveiro autonómico de Santa Cruz de Oleiros, na Coruña

Bóveda (Lugo), 5 de xuño de 2026

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez,  acompañada pola directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, e polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, participou esta mañá na inauguración dunha nova senda interpretativa para divulgar a cultura forestal no marco do Día Mundial do Medio Ambiente, unha actividade na que participaron ademais estudantes dos CEIP de Bóveda e de Monforte de Lemos.

O itinerario divulgativo atópase no viveiro público dos Trollos, en Bóveda, e a súa posta en marcha forma parte dun plan da Xunta para abrir ao público en xeral este tipo de instalacións que está dotado con arredor de medio millón de euros e que inclúe tamén actuacións no viveiro autonómico de Santa Cruz de Oleiros, na Coruña.

A senda inaugurada hoxe conta con pezas interpretativas realizadas en madeira, que representan a fauna da contorna, e facilítase ademais a observación do hábitat formado polas distintas especies forestais do viveiro, unha instalación de 30 hectáreas de superficie, a maior parte dela ocupada por diversas masas arbóreas, tanto de especies autóctonas como doutras de carácter ornamental.

A conselleira destacou que iniciativas coma esta “favorecen a divulgación da nosa riqueza forestal, que é clave na súa conservación” e subliñou, así mesmo, que se enmarca nos eixos de traballo do Plan Forestal de Galicia referidos á información, divulgación e comunicación sobre o territorio, os recursos e a xestión forestal.

O dos Trollos é un dos oito viveiros forestais dependentes da Consellería do Medio Rural e que na actualidade producen unhas 20.000 plantas de frondosas autóctonas. O departamento autonómico está a realizar melloras estruturais nas súas instalacións e mantemento de hortos e sementeiros, así como produción de sementes de alto valor xenético.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2026