A Xunta mobilizará máis de 2,1 M€ no período 2025-2027 co Plan de conservación dos recursos xenéticos agrarios
Así o destacou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, na súa comparecencia, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre este programa
En resposta a unha pregunta sobre a Escola de Pastores, Alemparte valorou que na súa primeira edición participan 25 alumnos seleccionados entre 44 aspirantes e destacou que combina formación, emprendemento e colaboración co sector
O director xeral de Defensa do Monte sinalou que a incorporación de 42 brigadas de reforzo fronte aos incendios forestais responde a criterios técnicos para incrementar a capacidade do dispositivo nos momentos de maior vulnerabilidade do territorio
O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias lembrou que Medio Rural publicará este ano a convocatoria de axudas para a sucesión de explotacións
Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2026
O Plan de conservación dos recursos xenéticos agrarios de Galicia mobilizará máis de 2,1 millóns de euros no período 2025-2027, co fin de conservar, caracterizar, mellorar e valorizar esta riqueza. Así o explicou o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, quen compareceu hoxe, a petición propia, na Comisión 7ª do Parlamento para informar sobre este programa.
Alemparte sinalou que a iniciativa desenvólvese a través dos centros públicos de investigación agraria da Xunta, fundamentalmente o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. Destacou que esta é unha política para preparar o futuro do sector agrario da nosa comunidade e para afrontar desafíos coma o cambio climático, a aparición de novas pragas e enfermidades, a adaptación dos sistemas produtivos ou a necesidade de producir de forma máis eficiente e sostible.
Nesta liña, o director indicou que coa investigación agraria búscase responder ás necesidades reais dos agricultores e gandeiros e incide tamén na calidade diferenciada, xa que detrás de cada selo de calidade agroalimentaria “existe sempre un recurso xenético, un territorio e un coñecemento que alguén decidiu conservar”. Polo tanto, concluíu, con estas políticas garántese que Galicia “siga construíndo o seu futuro agroalimentario a partir daquilo que a fai única”.
Éxito da Escola de Pastores
Por outra parte, o director da Axencia contestou nesta mesma comisión unha pregunta sobre a Escola de Pastores de Galicia, unha iniciativa da Xunta destinada á formación de novos profesionais no sector ovino e caprino, contribuíndo así á remuda xeracional, tal como destacou Alemparte.
Sinalou tamén que esta actuación “responde a unha necesidade real do sector” e valorou que na súa primeira edición participan 25 alumnos e alumnas seleccionados entre 44 persoas interesadas. E destacou que esta escola combina formación, emprendemento, transferencia de coñecemento e colaboración co propio eido produtivo a prol desa remuda xeracional.
Incremento da capacidade operativa fronte aos incendios
Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, en resposta a outra pregunta, sinalou que a incorporación, este ano, de 42 brigadas de reforzo para a loita contra os incendios forestais responde a criterios técnicos e representa unha medida selectiva, temporal e intensiva, orientada a incrementar a capacidade operativa do dispositivo nos momentos de maior vulnerabilidade do territorio. O obxectivo é reducir os tempos de intervención, incrementar a eficacia do ataque inicial, mellorar a detección temperá e evitar que pequenos focos evolucionen cara a grandes incendios forestais. Asemade, o director xeral trasladou que a medida súmase ao conxunto de actuacións preventivas e de defensa previstas na actualización do Plan de prevención e defensa contra incendios forestais, o Pladiga 2026.
Axudas neste ano para a sucesión de explotacións
Pola súa parte, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, lembrou nesta comisión que a Consellería do Medio Rural publicará este ano a convocatoria de axudas para o fomento da sucesión de explotacións agrarias, vencelladas ao Banco de Explotacións.
En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, explicou que, desde a creación desta ferramenta, recibíronse un total de 23 solicitudes de inclusión, das que se incluíron 15, e 6 foron xa transmitidas coa intermediación das oficinas rurais. Delas, dúas son de vacún de leite, outras dúas de vacún de carne, unha de cebo de porcino e outra de galiñas poñedoras.