Medio rural apoia a Bodegas Forjas do Salnés cunha achega de case 440.000 euros para a mellora das súas instalacións

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros asistiu hoxe á inauguración no concello de Meaño

Esta adega foi beneficiaria dunha axuda destinada a investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas

Entre os principais obxectivos destas achegas atópanse o investimento en instalacións e infraestruturas vinícolas para fomentar a adaptación ao mercado e a competitividade do sector

Meaño (Pontevedra), 8 de xuño de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu hoxe á inauguración das novas instalacións das Bodegas Forjas del Salnés SL, situadas no concello de Meaño. Esta adega foi beneficiaria dunha achega de case 440.000 euros para levar a cabo este proxecto, ao abeiro da convocatoria do ano 2023 das axudas destinadas ao investimento para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas.

Esta adega, dedicada á produción de viño branco e tinto dentro da Denominación de Orixe Rías Baixas, foi beneficiaria desta axuda para a execución dunhas novas instalacións destinadas á elaboración, embotellado e comercialización de viño que lles vai permitir chegar ampliar a súa produción de albariño ata os 300.000 litros.

As achegas en investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas teñen como finalidade mellorar o rendemento global das empresas do sector e a súa adaptación ás demandas do mercado, así como aumentar a súa competitividade. A través delas fináncianse os investimentos materiais e inmateriais en instalacións de transformación e infraestruturas vinícolas, así como en estruturas e instrumentos de comercialización, mesmo co fin de mellorar o aforro de enerxía, a eficiencia enerxética global e os procesos sustentables.

Convocatoria 2026

A Consellería do Medio Rural destina este ano preto de 5,5 millóns de euros nunha nova convocatoria das axudas en investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, das cales se poden beneficiar empresas vitivinícolas (fundamentalmente as adegas), as organización de produtores vitivinícolas, as asociacións de dous ou máis produtores con personalidade xurídica, así como as organización interprofesionais e as profesionais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/06/2026