A Xunta promove en Lugo as sinerxías entre produto local, prazas de abastos e gastronomía a través dunha nova xornada de Prato de Mercado
O director xeral de Comercio e Consumo participou nunha nova edición desta iniciativa autonómica na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros co obxectivo de poñer en valor estes espazos como motores do comercio de proximidade
Tamén se achegou ao punto informativo da campaña ‘Comercio Compensa’, que visita hoxe a cidade dentro do seu percorrido por toda Galicia para promover un consumo máis responsable
Con estas accións, o Goberno galego reforza o seu compromiso coa dinamización do sector comercial, avanzando nos obxectivos marcados polo vixente Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
Lugo, 9 de xuño de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe nunha nova edición da iniciativa autonómica Prato de Mercado, celebrada na Praza de Abastos e Mercado de Lugo co obxectivo de poñer en valor estes espazos como motores do comercio de proximidade e referentes na oferta de produto fresco, local e de calidade.
A xornada contou coa participación do chef Héctor López, do restaurante España, quen ofreceu un showcooking que reuniu, entre outros, a representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de Lugo, alumnado de centros de formación hostaleira, asociacións de comerciantes e consumidores, así como profesionais e prescritores vinculados ao sector da restauración.
No transcurso do encontro, o director xeral puxo de relevo o papel esencial que teñen os produtos locais de mercado para os cociñeiros e cociñeiras de Galicia e a necesidade de aproveitar a sinerxía deste sector na promoción das prazas de abastos. Nesa liña, esta xornada permite reforzar a conexión entre produto, gastronomía e mercado, clave para asegurar o futuro e vitalidade económica, social e cultural das 95 prazas de abastos e mercados da Comunidade. Un futuro no que, destacou, é fundamental seguir afondando na colaboración entre as diferentes administracións de cara á consolidación destes espazos.
Comercio Compensa
A cidade de Lugo acolleu tamén hoxe outra iniciativa autonómica no ámbito do comercio, Comercio Compensa, unha campaña que busca fomentar as compras de proximidade e promover un consumo máis responsable, sostible e respectuoso coa contorna. O director xeral de Comercio e Consumo, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, visitou o stand situado hoxe en Quiroga Ballesteros, onde se desenvolveu a acción informativa.
Tras o seu lanzamento en Arteixo o pasado venres 5, coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, a previsión é que a campaña percorra un total de 60 localidades galegas entre este ano e o próximo. No marco dos obxectivos de Comercio Compensa, o Goberno galego anima a apostar polo comercio local e polos produtos de proximidade, a consumir de forma máis consciente e a alongar a vida útil dos artigos adquiridos. Tamén se promove a redución de envases innecesarios e o uso de bolsas reusables. Neste sentido, as persoas que se achegaron hoxe ao punto informativo con tícket de compra de calquera establecemento comercial do concello recibiron como agasallo unha bolsa de tea coa imaxe da campaña, co obxectivo de incentivar hábitos de consumo máis sostibles.
Con estas accións, o Goberno galego reforza o seu compromiso coa dinamización do comercio de proximidade e coa promoción de prácticas de consumo responsables, avanzando nos obxectivos marcados polo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030.