Medio Rural acomete traballos de prevención de incendios en máis de 60 hectáreas do distrito forestal IX Lugo - Sarria
A conselleira María José Gómez comprobou hoxe as tarefas que se están levar a cabo no concello do Incio, así como nos municipios de Friol, Lugo e Samos, cun investimento superior aos 400.000 euros
Sinalou que, aínda que a maior parte das accións preventivas corresponden aos propietarios tanto das fincas como do monte, o Goberno galego fai todos os anos un importante esforzo en actuacións propias, con 75,38 millóns este ano, un 50% máis que en 2025
O Incio (Lugo), 9 de xuño de 2026
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, visitou hoxe o concello do Incio para comprobar os avances dos traballos de prevención de incendios que se están a realizar en máis de 60 hectáreas de montes do Distrito Forestal IX Lugo – Sarria.
En concreto, explicou que as tarefas consisten na mellora de cortalumes, faixas auxiliares e pistas nos concellos do Incio, Friol, Lugo e Samos, cun investimento que supera os 400.000 euros. Neste sentido, a conselleira engadiu que estas infraestruturas preventivas contribúen de xeito moi positivo á prevención de incendios forestais, xa que permiten estar máis preparados fronte ao lume. A maiores, tamén visitou un dos puntos de auga situados no concello do Incio, no que se están acometendo labores de mantemento, propios desta época para telos preparados de cara á temporada de alto risco.
Ao mesmo tempo lembrou que, aínda que a maior parte destas accións preventivas corresponden aos propietarios tanto das fincas como do monte, o Goberno galego fai todos os anos un importante esforzo nas actuacións propias a través do persoal de cada distrito e tamén de encargos para a súa execución.
Aposta pola prevención
A conselleira do Medio Rural reafirmou que a prevención é unha prioridade para o Goberno galego, polo que este ano incrementouse un 50 % o seu orzamento con respecto ao ano anterior, chegando aos 75,38 millóns de euros. Neste senso, detallou se promoverán este tipo de labores en áreas cortalumes, creación de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais e queimas prescritas. A maiores, puxo en valor tamén os apoios ás comunidades de montes para tarefas preventivas e os convenios cos concellos para maquinaria, brigadas e motobombas.
A maiores, desde a Consellería do Medio Rural bríndase a propietarios e concellos a través do novo convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado coa empresa pública Seaga cun orzamento anual de 25 millóns de euros, o dobre que no anterior. Con esta colaboración ofréceselles apoio para realizar estas tarefas e axúdaselles a cumprir así as súas obrigas por lei. Actualmente, 299 municipios xa solicitaron a súa adhesión.
Cómpre recordar que o prazo establecido na normativa para a limpeza nas faixas secundarias xa rematou, polo que agora colaborarase cos concellos que así o soliciten na inspección e elaboración das notificacións aos propietarios que non cumpran coas súas obrigas.