Belén do Campo destaca o impulso da Xunta á modernización de ebanistería Vicente de la Fuente con máis de 102.000 € con novos equipos máis sostibles que incrementan a súa capacidade produtiva
A representante do Goberno autonómico destacou as novas convocatorias da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), que mobilizarán máis de 16 millóns de euros a través das liñas XERA Valor, XERA Tecno e XERA Savia, orientadas á modernización, innovación, formación e valorización do sector en concorrencia competitiva pendentes de resolver
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo director territorial da Consellería de Economía e Industria, Isidoro Martínez, visitou esta mañá a empresa Ebanistería Vicente de la Fuente, situada no Concello de Santiago de Compostela, beneficiaria dunha das liñas de apoio a empresas da segunda transformación da madeira impulsadas pola Xunta de Galicia.
Durante a visita, a representante do Goberno galego destacou a capacidade de adaptación da empresa ás novas demandas do mercado e o seu compromiso constante coa innovación, a modernización dos procesos produtivos e a creación de emprego. “Vicente de la Fuente é un exemplo de como as empresas familiares galegas poden medrar e gañar competitividade apostando pola tecnoloxía, a profesionalización e a mellora continua”, sinalou.
A empresa foi fundada en 1978 por Vicente de la Fuente Fontao como unha ebanistería tradicional. Co paso dos anos, foi transformando a súa actividade cara á fabricación de cociñas e incorporando maquinaria avanzada que permitiu a súa progresiva industrialización. A entrada da segunda xeración, representada por Lidia e Jairo de la Fuente, consolidou este proceso e permitiu definir unha oferta especializada no deseño e fabricación de mobiliario de cociña e baño, así como na execución de proxectos integrais de carpintería para vivendas.
Belén do Campo coñeceu de primeira man as instalacións que a empresa ten en Marrozos, cunha superficie de produción de 1.500 metros cadrados distribuídos en tres áreas diferenciadas —fabricación, acabado e montaxe— ás que se suma unha nova nave de 1.000 metros cadrados incorporada recentemente para reforzar a súa capacidade produtiva.
A delegada tamén destacou a aposta da firma pola dixitalización e pola diversificación das canles de comercialización, que inclúen a venda directa ao cliente final a través da súa exposición na rúa Restollal de Santiago, o traballo desenvolvido pola súa oficina técnica, e o desenvolvemento dun proxecto de venda en liña.
Durante a visita, Belén do Campo lembrou o apoio da Xunta ás iniciativas empresariais que apostan pola innovación e a mellora da competitividade. Neste sentido, explicou que a empresa resultou beneficiaria da convocatoria Xera Valor 2025, que permitiu apoiar investimentos por un importe subvencionable superior aos 204.000 euros. Entre as actuacións subvencionadas inclúese a adquisición dunha lixadora industrial especialmente deseñada para carpintería de fiestras e outros elementos de madeira, cun investimento de máis de 156.000 euros, así como a implantación de diferentes solucións de software CAD/CAM para integrar os procesos de deseño, fabricación e presentación de proxectos, cun investimento superior aos 48.000 euros. A axuda concedida pola Xunta ascende a 102.144 euros.
Finalmente, Belén do Campo destacou que “o apoio ás pequenas e medianas empresas é unha prioridade para a Xunta de Galicia, especialmente cando se trata de proxectos que apostan pola innovación, a modernización dos procesos produtivos e a xeración de valor engadido no territorio, contribuíndo ao desenvolvemento económico e á creación de emprego de calidade”.
A delegada puxo en valor o impacto destas axudas públicas na modernización do tecido produtivo forestal, ao permitir ás empresas incrementar a súa competitividade, mellorar a eficiencia dos procesos e avanzar cara a un modelo industrial máis sostible.
Neste senso, lembrou que no último exercicio esta liña de apoio beneficiou en Santiago de Compostela a catro empresas, cun investimento global superior aos 444.000 euros, e na provincia da Coruña a 22 empresas, cun volume total próximo aos 1,9 millóns de euros.
Convocatorias apoio industria forestal 2026
Neste sentido, destacou tamén o papel das novas convocatorias da Axencia Galega da Industria Forestal (XERA) xa pechadas para este ano 2026, que mobilizarán máis de 16 millóns de euros a través das liñas XERA Valor, XERA Tecno e XERA Savia, orientadas á modernización, innovación, formación e valorización do sector en concorrencia competitiva pendentes de resolver
A Xera Valor, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, dirixido a empresas da segunda transformación da madeira. Contempla apoios para a compra de maquinaria de deseño e fabricación de mobiliario ou elementos construtivos, automatización e dixitalización de procesos, tratamentos e acabados da madeira, certificacións, ecoinnovación ou mellora da seguridade e saúde laboral, con subvencións que poden chegar ata entre 60.000 e 250.000 euros.
E a Xera Tecno, dotado con 11 millóns de euros, que inclúe liñas para a adquisición de maquinaria, mellora de instalacións, aproveitamento da biomasa, castaña ou resina, así como para a implantación de tecnoloxías de rastrexabilidade e inventario forestal, incluíndo o uso de drons. As axudas oscilarán entre os 50.000 e os 200.000 euros.
E a Xera Savia, cunha dotación de 500.000 euros, destinadas a actividades formativas e divulgativas, con achegas de ata 70.000 euros.
Finalmente, a representante autonómica subliñou que o sector forestal-madeira é estratéxico para Galicia, cun tecido de arredor de 3.000 empresas, máis de 13.600 empregos e unha facturación anual superior aos 2.400 millóns de euros, representando preto do 1,7 % do PIB galego.