Medio Rural avalía cos comuneiros de Vincios a posible creación dun pasteiro nos seus montes

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias explicou hoxe aos representantes da comunidade de montes veciñais en man común os trámites a seguir para desenvolver a iniciativa e reforzar así o pastoreo en extensivo con razas autóctonas

Gondomar (Pontevedra), 9 de xuño de 2026

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, José Balseiros, mantivo hoxe en Gondomar unha reunión con responsables da comunidade de montes veciñais en man común de Vincios. Neste encontro, avanzouse na colaboración entre ambas partes con vistas ao posible desenvolvemento dun pasteiro en montes propiedade desta comunidade, co fin de impulsar o pastoreo en extensivo do seu gando de razas autóctonas.

Nesta liña, Balseiros destacou que os pasteiros son fundamentais para o desenvolvemento rural e que redundan de xeito moi positivo na conservación da biodiversidade e nos ecosistemas agroforestais, contribuíndo, ademais, á prevención de incendios forestais. Indicou, asemade, que estes proxectos impulsan tamén de forma significativa a actividade socioeconómica, xa que ofrecen espazos favorables para a gandaría en extensivo. 

Cómpre lembrar, neste sentido, que o Plan de Pastos de Galicia permitiu dende o ano 2020 a mobilización de preto de 2.500 hectáreas en 106 pasteiros, cun investimento de case 15 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/06/2026