A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu conta hoxe desta actuación
A Xunta licita as obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón en Ferrol, que suporán un investimento de 10,7 M€
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación e as empresas poden presentar ofertas ata o vindeiro 23 de xullo
Trátase dun inmoble formado por dous bloques continuos diferenciados en altura, un en “U”, que constará de 40 vivendas e outro liñal, que disporá de 18
A conselleira subliñou que serán uns “fogares accesibles, luminosos e eficientes enerxeticamente”
Fixo fincapé na aposta pola vivenda pública en Ferrol, onde no barrio do Bertón actualmente están 353 vivendas públicas en diversas fases de execución
Detallou que están en obras 48 vivendas e se veñen de adxudicar os traballos de construción de 2 promocións de 75 e 49 fogares, que comezarán en xullo
Ferrol, 10 de xuño de 2026
A Xunta licita as obras de 58 novas vivendas públicas no Bertón en Ferrol, que suporán un investimento de 10,7M€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto á delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, deu hoxe conta desta actuación.
Allegue recordou que o Consello da Xunta autorizou o luns esta licitación e hoxe a publica a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia. As empresas poden presentar ofertas ata o vindeiro 23 de xullo.
Explicou que xa está o proxecto redactado e agora se prevé avanzar na tramitación para poder comezar canto antes os traballos.
Trátase dun novo edificio que se construirá na parcela 14 do Bertón. Este inmoble está formado por dous bloques continuos diferenciados en altura, un en “U”, que constará de 40 vivendas e outro lineal que disporá de 18. Estes fogares serán de 1, 2 e 3 dormitorios, todos con garaxes e rochos. Haberá dúas vivendas adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Subliñou que serán uns “fogares accesibles, luminosos e eficientes enerxeticamente”.
Fixo fincapé na aposta sen precedentes pola vivenda pública, no caso de Ferrol, no barrio do Bertón, onde actualmente están 353 vivendas públicas en diversas fases de execución.
Detallou que están en obras 48 vivendas públicas e se veñen de adxudicar os traballos de construción doutras dúas promocións de 75 e 49 fogares, que comezarán en xullo. Ademais están en redacción os proxectos para outras 123 vivendas públicas.
Lembrou que para que máis persoas poidan optar á vivenda pública, a Xunta impulsa novas medidas, como a reserva do 30% en venda para persoas de entre 36 e 45 anos, con fillos; e o aumento do limiar máximo de renda ata 4 veces o Iprem, 4,5 en familias numerosas.