A secretaria xeral de Sanidade, a directora xeral de Saúde Pública, o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación e a directora xeral de Xuventude participaron na entrega de premios do concurso educativo Clases sen fume

A Xunta destaca a participación de case 2.000 alumnos de 38 centros no programa Clases sen Fume, que leva 24 anos previndo o tabaquismo na mocidade

A secretaria xeral da Consellería de Sanidade destaca que esta iniciativa da Xunta axuda a concienciar á xuventude sobre a importancia de coidar a saúde en idades temperás

Incide en que Clases sen Fume é un magnífico exemplo de traballo conxunto entre as Consellerías de Sanidade e Educación e tamén da Dirección Xeral de Xuventude

Remarca a recente aprobación por parte da Xunta dunha das leis máis ambiciosas de Europa en materia de protección da saúde da mocidade, coa que se equiparan os cigarros electrónicos ao tabaco e as bebidas enerxéticas ao alcohol

Pon en valor que, a última enquisa Estudes do Plan Nacional sobre Drogas, realizada o pasado ano, mostra que en Galicia o consumo de tabaco está a diminuír de xeito constante, ao igual que outras substancias aditivas

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato, subliñou a participación de preto de 2.000 alumnos e alumnas de 38 centros educativos no Programa Clases sen Fume da Xunta, que leva 24 anos previndo o tabaquismo na mocidade.

A representante da Consellería de Sanidade participou no acto de entrega de premios desta iniciativa educativa, ao que tamén asistiron a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Jesús Álvarez; e a directora xeral de Xuventude da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Lara Meneses.

No seu uso da palabra, Natalia Lobato dixo que estes 1.951 alumnos e alumnas demostran o alcance e fortaleza do programa, que leva máis de dúas décadas axudando a concienciar sobre a importancia de coidar a saúde dende idades temperás.

Así mesmo, os resultados do programa indican que Galicia ten preto de 2.000 aliados na loita para convencer á mocidade galega e aos adultos de que o tabaco é un dos maiores inimigos das persoas.

A secretaria xeral destacou que Clases sen Fume segue a espertar o interese da mocidade e ano tras ano milleiros de estudantes se implican na promoción de hábitos de vida saudables.

Tamén referiu que este programa é un magnífico exemplo de traballo conxunto entre as Consellerías de Sanidade e de Educación, que colaboran convencidas de que a mellor ferramenta de prevención é a educación. Tamén agradeceu a colaboración da Dirección Xeral de Xuventude, que achega o premio das estadías no campamento de Gandarío, así como ao Concello de Cerceda, que achega as entradas ao parque acuático.

Contornas seguras

Natalia Lobato dixo que a Xunta fai todo o posible para que a mocidade estea informada, así como para que teña alternativas e que se mova en contornas moi seguras, onde escoller o camiño saudable sexa o máis doado. Neste senso, o Goberno galego aprobou recentemente unha das leis máis ambiciosas de Europa en materia de protección da saúde da mocidade, coa que se equiparan os cigarros electrónicos ao tabaco e as bebidas enerxéticas ao alcohol.

A secretaria xeral tamén puxo en valor que a última enquisa Estudes do Plan Nacional sobre Drogas, realizada o pasado ano, reflicte que en Galicia o consumo de tabaco está a diminuír de xeito constante, ao igual que outras substancias aditivas.

Premiados en Clases sen fume

Os premiados nesta edición foron:

        ◦ Categoría Clase sen Fume: 2º A CPR Pl San José (A Guarda).

        ◦ Categoría slogan: 1º B CPR Compañía de María (Vigo).

        ◦ Actividade creativa: 1º C IES Breamo (Pontedeume).

 

        ◦ 4 áccesits:

            ▪ 2º B CPR FEC San José (Lugo).

            ▪ 1º E IES Leiras Pulpeiro (Lugo).

            ▪ 1º C IES Valle Inclán (Pontevedra).

            ▪ CPR Padre Zorelle (Ourense).

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026