A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral da Consellería, Yago Borrajo, selou o convenio de colaboración co alcalde, Luis Fernández Guitián

O Fondo de Cooperación da Xunta facilita ao Concello de Sober a rehabilitación dunha edificación tradicional en Portizó, que suporá un investimento de case 215.000 €

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas financiará a primeira fase de recuperación da edificación de titularidade municipal, cun préstamo de 213.844 € do Fondo de Cooperación, a través da liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes

Esta primeira fase céntrase na consolidación estrutural do inmoble e na recuperación dos seus elementos construtivos principais, para no futuro recuperar o inmoble para usos residenciais e produtivos compatibles coa súa tipoloxía tradicional

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Xunta colabora co Concello de Sober na rehabilitación dunha edificación tradicional de titularidade municipal situada no núcleo rural de Portizó, a través da concesión dun préstamo de213.844 euros, sen xuros, do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral da Consellería, Yago Borrajo, asinou esta mañá co alcalde do concello lucense, Luis Fernández Guitián, o convenio desta colaboración. Nesta acto de sinatura tamén estivo o director territorial da Consellería, Marco Antonio Fernández Piñeiro.

En concreto, o convenios firmado hoxe en San Caetano no marco deste fondo, permite acometer a primeira fase da rehabilitación integral desta edificación tradicional, que se centrará na consolidación estrutural do inmoble e na recuperación dos seus elementos construtivos principais.

Trátase así nesta primeira fase de intervir nunha edificación en estado de ruína avanzada, con colapso da estrutura interior e da cuberta, da que se conservan principalmente os muros de pedra perimetrais, sendo o obxectivo final do Concello a recuperación do inmoble para usos residenciais e produtivos compatibles coa súa tipoloxía tradicional. A rehabilitación está concibida para albergar no futuro un taller artesanal na planta baixa e dúas vivendas na planta primeira.

Esta intervención desenvolverase mediante a iniciativa da Xunta que está destinada a financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes, dotado con algo más de 3M€. Trátase de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver no prazo máximo de 8 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026