A Xunta pon en marcha un procedemento coordinado de elección de destino e toma de posesión que afecta a unhas 3.300 persoas empregadas públicas

A directora xeral de Emprego Público e Administración de persoal, Nuria Aguilar, compareceu na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior

O Goberno galego insiste nun proceso coordinado para garantir a continuidade dos servizos públicos e garantir os dereitos das persoas traballadoras da Administración

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026

A Xunta pon en marcha un procedemento coordinado de elección de destino e toma de posesión que afecta a unhas 3.300 persoas empregadas públicas. Nas vindeiras semanas, o Goberno galego completará un longo proceso dirixido á promoción, estabilización e mellora do emprego público na Comunidade.

A directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, Nuria Aguilar, compareceu hoxe na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior para explicar “o impulso continuado e extraordinario que a Xunta está a dar aos mecanismos ordinarios de provisión de postos de traballo na Administración galega”.

A directora debullou o contexto “especialmente complexo” para a convocatoria de 18 concursos de traslados, nos que se incluíron máis de 11.500 postos e nos que participaron máis de 3.300 persoas empregadas públicas. “Estamos a falar dun volume de mobilidade sen precedentes recentes, tanto polo número de convocatorias como pola súa dimensión e alcance”, explicou Nuria Aguilar. Estes procesos víronse afectados por factores imprevistos como a pandemia, que paralizou todas as convocatorias nos anos 2020 e 2021, os procesos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro e as recentes sentenzas xudiciais relativas ás adxudicacións de destinos.

Nuria Aguilar subliñou que, malia esa complexidade, estanse a compatibilizar esas liñas de actuación “con rigor e con pleno respecto aos principios de igualdade, mérito, capacidade e seguridade xurídica”. Así, continúa a convocatoria de procesos ordinarios de acceso libre e de promoción interna para garantir o acceso ao emprego público de calidade das galegas e galegos. En 2025 convocáronse un total de 30 procesos selectivos, con máis de 1.200 prazas, cuxos primeiros exercicios comezaron a realizarse no mes de novembro de 2025 e actualmente están desenvolvéndose seguindo o calendario previsto, e en 2026 está previsto convocar un total de 40 procesos selectivos, con máis de 2.000 prazas. As convocatorias destes procesos selectivos xa comezaron a publicarse no Diario Oficial de Galicia. En concreto, no que vai de ano convocáronse 14 procesos selectivos cun total de 620 prazas ofertadas.

Prazos

Nuria Aguilar afirmou que as eleccións de destino definitivo e as correspondentes tomas de posesión se van realizar de forma coordinada para garantir que a prestación de servizos á cidadanía continúe con normalidade e permitir, ao tempo, o desenvolvemento profesional do persoal empregado público. Nos vindeiros días resolverase a convocatoria da elección de destino  e a mediados de xullo publicarase o nomeamento e adxudicación de postos derivados desa elección de destino. “O inicio dos prazos posesorios será simultáneo para todos os procesos mencionados”, subliñou a directora xeral, quen incidiu tamén en que a toma de posesión efectiva das persoas afectadas terá en conta as necesidades de conciliación.

Modernización do sistema

Nuria Aguilar quixo salientar tamén o proxecto piloto posto en marcha para testar a convocatoria dun concurso aberto e permanente na Administración xeral. Trátase dun cambio de fondo no modelo de mobilidade do persoal funcionario, que permitirá avanzar cara a unha xestión máis dinámica da provisión de postos, cun sistema adaptado ás necesidades actuais da organización administrativa e tamén ás expectativas lexítimas das persoas empregadas públicas.

A través deste proxecto piloto, a Administración autonómica poderá validar un sistema que permitirá realizar unha xestión continua, máis áxil e eficaz dos postos vacantes, superando progresivamente a lóxica de convocatorias illadas e avanzando cara a un modelo no que a mobilidade ordinaria poida artellarse de maneira continua, recorrente e previsible.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/06/2026