Belén do Campo colabora na campaña de sensibilización da Fundación Josep Carreras contra a Leucemia "Abre a túa porta e loita contra a leucemia"
A representante do Goberno autonómico puxo en valor o convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e a Fundación Josep Carreras, xa renovado e firmado este ano por un importe de 1 millón de euros
A Coruña, 12 de xuño de 2026
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, colaborou esta mañá na campaña de sensibilización impulsada pola Fundación Josep Carreras contra a Leucemia, que se desenvolveu no edificio administrativo da Xunta en A Coruña baixo o lema “Abre a túa porta á loita contra a leucemia”.
A iniciativa contou coa presenza de dous promotores da Fundación, que informaron ao persoal do edificio e ás persoas usuarias sobre o traballo que desenvolve esta entidade no ámbito da investigación, apoio aos pacientes e captación de persoas doantes de medula ósea. Así mesmo, facilitaron a formalización de formularios de colaboración a todas aquelas persoas interesadas en formar parte do proxecto solidario da Fundación.
A delegada puxo en valor o labor da Fundación Josep Carreras, referente internacional na loita contra a leucemia, destacando o seu compromiso sostido coa investigación científica e co acompañamento integral ás persoas afectadas pola enfermidade e ás súas familias.
Belén do Campo salientou a importancia de iniciativas como esta campaña de sensibilización, que contribúen a dar visibilidade á doazón de medula ósea e a fomentar a solidariedade cidadá como ferramenta clave na loita contra a leucemia.
Belén do Campo agradeceu o labor da Fundación Josep Carreras e do seu equipo de promotores polo seu traballo constante de información, concienciación e apoio, e animou á cidadanía a participar activamente neste tipo de iniciativas solidarias que poden salvar vidas.
Convenio Xunta
Neste contexto, a delegada da Xunta tamén puxo en valor o convenio de colaboración entre a Consellería de Sanidade, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), e a Fundación Josep Carreras, xa renovado e firmado este ano 2026. A representante do Goberno galego subliñou que este acordo permite reforzar a capacidade do sistema sanitario público para dar resposta aos pacientes que precisan un transplante de medula ósea, especialmente nos casos de doazón aloxénica non emparentada, cada vez máis frecuentes.
Neste sentido, destacou o incremento do investimento ata os 1.085.000 euros, co obxectivo de garantir que calquera paciente galego que precise unha doazón de medula poida localizar un doador compatible, primeiro no ámbito estatal e, se fose necesario, no conxunto dos rexistros internacionais.
A delegada puxo tamén en valor o labor de coordinación entre o sistema español de busca de doadores, a través do Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea (REDMO), e os organismos nacionais como a Organización Nacional de Transplantes, o que permite asegurar a equidade no acceso a estes tratamentos e a eficiencia do sistema.
Belén do Campo lembrou que estes procedementos inclúen tres modalidades: os transplantes autólogos, nos que se empregan células do propio paciente; os aloxénicos emparentados, procedentes de familiares compatibles; e os aloxénicos non emparentados, necesarios entre o 25% e o 30% dos casos cando non existe compatibilidade familiar.
A representante do Goberno autonómico salientou o incremento da actividade transplantadora en Galicia. En total, ao longo do ano pasado o Servizo Galego de Saúde realizou 235 transplantes de medula ósea. Deles, a maioría foron autólogos ou autrotransplantes, 156. Tamén se realizaron 34 transplantes de doadores emparentados e, no caso dos transplantes obxecto do convenio, 45 aloxénicos non emparentados.
A Xunta subliñou tamén o esforzo continuo na captación de doantes, con 772 novas incorporacións en 2025, ata acadar un total de 15.979 persoas rexistradas en Galicia a 31 de decembro. Neste sentido, a delegada agradeceu a solidariedade da cidadanía galega e puxo en valor o carácter altruísta, anónimo e universal da doazón de medula ósea.
Finalmente, destacou que desde o inicio da actividade de transplantes de medula na sanidade pública galega en 1993 xa se realizaron 4.705 intervencións, o que evidencia, “a consolidación dun sistema sanitario avanzado, solidario e altamente coordinado”.
A delegada concluíu reafirmando o compromiso da Xunta de Galicia Xunta co fortalecemento das políticas públicas de doazón e transplantes, así como coa colaboración con entidades científicas e sociais que fan posible salvar vidas a través da solidariedade.